A Xunta de Goberno da Deputación aprobou por máis de 1,7 millóns de euros o expediente para contratar a dirección do proxecto e da obra de rehabilitación de Santa Clara
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar por máis de 1,7 millóns de euros o expediente para contratar a dirección do proxecto e a dirección da obra de rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara para uso destinado a Museo de Pontevedra. “Estamos –asegurou o presidente da Deputación Luis López- dando pasos reais cara adiante para que este convento renovado e aberto á cidade sexa unha realidade”.
A estes 1,7 millóns de euros destinados á contratación da dirección do proxecto e dirección da obra hai que sumar os 6 millóns de euros que destinará a Xunta de Galicia á actuación trala sinatura do protocolo de colaboración entre Luis López e Alfonso Rueda o pasado venres. “Quero salientar que a colaboración institucional dá froitos –asegurou o presidente- e aproveito para agradecer a implicación do presidente da Xunta que, como pontevedrés, sabe da xoia que supón Santa Clara e do futuro que poder ter con esta
rehabilitación”.
A aprobación do expediente de contratación da dirección do proxecto e dirección da obra de rehabilitación e ampliación de Santa Clara trátase, tal e como explicou o vicepresidente Rafa Domínguez a semana pasada, do inicio administrativo das obras para que o proxecto se execute o antes posible. A partir deste momento ábrese un proceso de negociación entre a Deputación e Nieto Sobejano no que se terá en conta, entre outras cuestións, o mellor prezo ofertado, a presentación dunha solución para a supresión do centro arqueolóxico, a proposta dun espazo de conexión, o respecto aos valores históricos e o acceso ao convento.
Una vez rematado este proceso de negociación, a empresa deberá achegar o proxecto de execución da actuación para a reforma do convento.