23 noviembre, 2024
O presidente da Deputación comparte unha nova xornada de convivencia deste programa de Acción Comunitaria con asociacións veciñais do Baixo Miño con charlas sobre o alzhéimer, sesións de risoterapia, ximnasia, música e gastronomía
A Deputación reforza o seu apoio ás asociacións de veciños da provincia no Orzamento do ano 2025, que eleva ata os 2,4 millóns de euros a partida para dar continuidade a programas como o Acción Comunitaria ou o +Aqua
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo o foco na transcendencia do movemento veciñal á hora de dinamizar a vida social e cultural da provincia de Pontevedra e salientou a aposta e recoñecemento que o goberno provincial está a realizar para apoiar as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos. Fíxoo na celebración en Tomiño da sexta xornada do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron centos de persoas pertencentes ás entidades veciñais
da contorna da comarca do Baixo Miño. “Houbo unha época na que as asociación veciñais estaban esquecidas. Agora é todo o contrario, contamos con vós, poñemos recursos á vosa disposición e queremos camiñar con vós para construír unha provincia mellor, máis xusta, integradora e unida”, afirmou o mandatario provincial, quen fixo referencia ao impulso económico á área de Acción Comunitaria que recolle o Orzamento da Deputación para o vindeiro ano 2025, que ascende ata os 2,4 millóns de euros.
Nun acto no que tamén estivo presente o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís —ao que Luis López definiu como o “valedor número un do movemento veciñal”—, houbo tempo para sensibilizarse sobre o Alzheimer a través dunha conferencia por parte dos integrantes de Afagal, de escachar coa risa cun obradoiro de risoterapia, de poñerse en forma cunha sesión de traballo funcional e de desfrutar da agradable compañía e da gastronomía das Rías Baixas ao son da música.
O programa +Convivir é unha innovadora iniciativa da Deputación para reforzar os lazos co movemento veciñal co obxectivo conxunto de dinamizar a provincia de Pontevedra. Despois dos cinco primeiros encontros en Poio, Cambados, Cuntis, A Estrada e Mos; celebrouse esta sexta xornada en Tomiño. Trátase dunha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial co tecido asociativo da provincia e co seu labor, o que apoia con numerosas actividades e programas, entre as que destacan dúas accións novidosas dotadas cada unha con 1,6 millóns de euros como son o Plan+ Aqua, para colaborar con 173 comunidades de auga; ou Plan de Acción Comunitaria, para colaborar coas asociacións veciñais da provincia. Iniciativas
que terán continuidade e mesmo serán reforzadas o vindeiro ano despois da aprobación este venres do Orzamento da Deputación que reserva unha partida de 2,4 millóns de euros para esta área estratéxica do goberno provincial.
O presidente da Deputación agradeceu a calorosa acollida da veciñanza de Tomiño a contorna. “Vexo en vós, veciñas e veciños do Baixo Miño, xente orgullosa de vivir en comunidade; vexo nesta vila de Tomiño, un anaco do enorme paraíso que é esta provincia, desde a costa ata o interior; e vexo neste pavillón unha mostra do gran traballo que facemos a diario os pontevedreses e pontevedresas pola nosa terra”, recoñeceu Luis López, quen reafirmou a vontade do goberno provincial para seguir tendendo pontes entre a administración e o tecido asociativo antes de desexar aos asistentes que desfrutaran “en comunidade” dunha experiencia 100 % Rías Baixas.
Alerta