22 agosto, 2024
Luis López sinala a Festa do Mar de Combarro como un “escaparate de primeira” da cultura mariñeira e dos atractivos turísticos que ofrecen as Rías Baixas
O presidente provincial participa na inauguración dunha festa que combina gastronomía, exposicións e música desde o 22 ao 25 de agosto e que acumula 23 anos ofrecendo “experiencias 100 % Rías Baixas”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca a Festa do mar de Combarro, unha das celebracións gastronómica de maior tradición da provincia, como unha mostra da cultura mariñeira da provincia e un escaparate turístico de primeira para as Rías Baixas. “A Festa do Mar é unha mostra do que somos, un pobo marcado pola cultura mariñeira, orgulloso do froito do seu traballo e que sabe celebrar. Pero ademais é unha proposta que combina nunha pequena vila os nosos máis grandes atractivos: beleza natural, riqueza cultural e gastronomía de calidade”, declarou o mandatario provincial na inauguración dun evento que “acumula xa 23 anos ofrecendo experiencias 100 % Rías Baixas”.
A vixésimo terceira edición da Festa do Mar celébrase este ano entre os días 22 e 25 de agosto na contorna da Praza da Chousa, en Combarro. Catro días de festexos nos que haberá unha zona para degustar os produtos do mar no que colaboran unha vintena de locais hostaleiros da localidade, unha carpa de exposicións con mostras centradas na cultura mariñeira, encontros de embarcacións tradicionais, actividades para o público infantil e actuacións musicais, entre elas o concerto de The Rapants, impulsado pola Deputación a través do programa +Música.
Acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes; e os conselleiros Román Rodríguez e María Martínez Allegue; o presidente provincial puxo en valor o papel de Combarro como unha referencia para a oferta turística e o patrimonio cultural das Rías Baixas. “Non descubro ningún segredo se digo que esta vila é unha parada obrigada para calquera persoa que visite a nosa provincia. Pero Combarro é moito máis, é unha fonte de vivenzas felices: Ese traballo diario a bordo dunha chalana, tan duro e esixente como fermoso e gratificante; esa cociña familiar, tan humilde como exitosa; ou esa cercanía e hospitalidade das súas xentes, que ofrece ao visitante o mellor da súa casa. Todo iso é o que celebramos con esta Festa do Mar”, remarcou Luis López.
Do mesmo xeito, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación no apoio a eventos como a Festa do Mar, que consolidan o territorio como destino turístico ligado á gastronomía, a cultura e á paisaxe; que dinamizan a economía local e crean emprego. “Desde a Deputación temos a man tendida para colaborar en todo o que estea na nosa man para que a Festa do Mar e Combarro sigan a ser ese motor que está levando á provincia a ser un destino turístico de moda”, sinalou o dirixente, que deu os parabéns a todas as entidades implicadas na organización desta festa e convidou a todo o mundo a achegarse esta fin de semana a Combarro para “vivir unha experiencia 100 % Rías Baixas”, concluíu.
Alerta