3 julio, 2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, unha cita declarada de interese turístico internacional, como a bandeira do modelo de turismo que a Deputación está a implantar no conxunto da provincia. “Un destino ligado á natureza e ao territorio, un destino descentralizado e un destino con propostas sustentables que atrae visitantes de todas as partes do mundo”, afirmou o presidente, acompañado polo alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, no acto oficial de presentación da festa.
Promovida pola Asociación Rapa das Bestas, polo Concello da Estrada e coa colaboración da Deputación, a festa deste ano celebrarase nesta localidade da Estrada desde o 4 ao 7 de xullo. Catro días de celebración en contacto coa natureza e nos que non faltará nin a gastronomía nin a música, nun programa festivo que terá nos curros os seus momentos máis agardados. Neste sentido, o presidente López quixo poñer en valor o labor realizado polos organizadores. “Porque a Rapa das Bestas é moito máis ca unha festa popular: É unha celebración singular, propia e única. De Sabucedo, da Estrada e da nosa provincia de Pontevedra, é un acontecemento que nos conecta coas nosas raíces e se transmite de pais a fillos, é unha referencia no noso calendario festivo, un motor para a economía da comarca e un poderoso atractivo do noso destino turístico, pero sobre todo é un símbolo do profundo respecto que sentimos os pontevedreses pola nosa terra”, subliñou López.
“Non hai verán nas Rías Baixas sen a Rapa das Bestas”, asegurou o presidente para remarcar que o destino turístico Rías Baixas “son moito máis que mar e praia, están formadas por 61 concellos e van desde a costa ata lugares do interior como esta parroquia de Sabucedo”. Neste sentido, salientou López que na estratexia de descentralización do turismo e de posta en valor do interior da provincia, a Rapa das Bestas xoga un papel fundamental porque Sabucedo é unha parroquia á que peregrina cada ano milleiros de persoas para celebrar unha festa que é nosa, que é de interese turístico internacional, que capta miradas en todo o mundo e que é unha referencia do coidado dos nosos ecosistemas”.
Razóns que xustifican a alianza estratéxica entre a Deputación e esta festa, que se traduce en distintas vías de colaboración, como o proxecto para a renaturalización da Carballeira do Campo Medio, a presentación desta cita como un dos grandes atractivos turísticos das Rías Baixas en campañas premiadas como a de “Cando Volves?” ou o apoio anual coa Asociación para colaborar na organización, que este ano medrou ata os 10.000 euros.
“Convidamos a todo o mundo a achegarse aquí para desfrutar dun paraíso como é Sabucedo, a Rapa das Bestas e as Rías Baixas”, concluíu o presidente despois de poñer en valor o traballo e implicación de todos os participantes da festa e dos membros da asociación.
Alerta