Luis López sinala o Poio Pescamar como referentes do deporte feminino e reitera o compromiso da Deputación coa visibilización das deportistas
diariodevigo
26 febrero, 2024
O presidente da Deputación felicitou ás xogadoras polo segundo subcampionato da historia do club na Supercopa de España nunha recepción no Pazo provincial
. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, felicitou ás xogadoras do Poio Pescamarpolo éxito acadado o pasado 4 de febreiro cando conseguiron o segundo subcampionato na Supercopa de España da historia do club.
O mandatario provincial salientou non só os bos resultados que vén conseguindo o equipo conserveiro nas últimas tempadas, tamén destacou os valores de esforzo e traballo en equipo que transmiten, así como a promoción de Poio e da provincia por toda España e a visibilidade do deporte feminino. “Queremos darvos as grazas, estamos moi orgullosos do
voso traballo”, afirmou Luis López.
O mandatario provincial reiterou o apoio da Deputación ao deporte feminino. Un compromiso que queda demostrado non só co apoio aos equipos da provincia, tamén coa a aposta por traer ás seleccións femininas á provincia, como ocorreu coas campioas do mundial de fútbol no pasado mes de decembro en Pasarón, ou como está previsto para o vindeiro mes de abril cun partido do combinado nacional feminino de balonmán no Porriño.
Luis López, que se declarou “moi futbolero”, tivo tamén palabras de agarimo para a xogadora do Poio Pescamar Marta Peñalver, que volveu caer lesionada de gravidade só dez días despois de volver aos terreos de xogo despois de recuperarse dunha rotura de ligamento cruzado do seu xeonllo. “Deséxolle moito ánimo, estou seguro de que cando volva vaino dar todo”. Así mesmo, prestou atención ás demandas do presidente do club, Juanjo García, quen explicou todas as necesidades que teñen os equipos femininos para manterse na elite.
Finalmente, o presidente da Deputación recibiu un agasallo da man das xogadoras do equipo vermello: unha camiseta asinada por todas as xogadoras e recibiu tamén o agradecemento das mesmas polo apoio prestado pola Deputación.