O presidente provincial e a vicepresidenta Luisa Sánchez asistiron este xoves ao adestramento dos padeeiros e padeeiras do equipo nacional que preparan no complexo
deportivo David Cal de Verducido a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París
. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a vicepresidenta Luisa Sánchez amosaron o seu respaldo aos padeeiros e padeeiras da provincia e do resto de España que preparan estes días no complexo deportivo David Cal de Verducido o seu asalto aos Xogos Olímpicos de París. Antes do comezo do adestramento, o mandatario provincial saudou a todos os integrantes do equipo nacional caiac feminino e canoa masculina, felicitounos polo seu traballo e éxitos internacionais que levan conseguidos ao longo da presente e das últimas tempadas e desexoulles sorte para o selectivo nacional, que se celebrará no Pontillón do Castro a vindeira semana, no que se repartirán as prazas para a cita olímpica deste verán na capital francesa.
Durante o encontro, o presidente puxo en valor o talento e os resultados que o piragüismo pontevedrés leva conseguindo durante os últimos anos. Unha mostra deste extraordinario nivel, sinalou López, exhibiuse no derradeiro mundial celebrado o pasado ano en Alemaña no que os deportistas pontevedreses conseguiron sete medallas. Un botín que situaría ao piragüismo pontevedrés no terceiro banzo do podio, igualados con China. A provincia de Pontevedra é unha potencia neste deporte e o dirixente da Deputación coñece as chaves deste éxito, que están no talento e capacidade de traballo dos deportistas, no labor dos adestradores, no modelo de traballo implantado pola Federación e na ampla base do alto número de clubs que existe na costa de toda a provincia.
López e Sánchez compartiron uns minutos con padeeiras e padeeiros pontevedreses do nivel de Teresa Portela, quen vai camiño da súa sétima participación nuns Xogos Olímpicos. A todos lles deron ánimos e desexaron sorte para poder clasificarse para os vindeiros Xogos. “Estamos máis que orgullosos de vós”, afirmaron.
Despois, o presidente da Deputación, xunto coa vicepresidenta e responsable de deportes, mantivo unha reunión de traballo cos dirixentes da Federación Galega de Piragüismo, encabezados polo presidente Alfredo Bea, na que coñeceron os proxectos que o ente federativo ten en marcha e amosaron a vontade da Deputación de colaborar en todo o que sexa posible para seguir impulsando o deporte no conxunto da provincia.