Ademais, o presidente repasou outros plans e investimentos que teñen o obxectivo de xerar riqueza en toda a provincia, como o contrato para o servizo de conservación de estradas para os vindeiros 5 anos por 39 millóns de euros, os plans de Acción Comunitaria e +Aqua, que reparten ata 10.000 euros entre os colectivos e contan cun orzamento de un millón de euros cada un; ou a primeira liña de axudas para a mocidade dotada con 100.000 euros a través do plan + Xuventude. Do mesmo xeito, López recordou os
convenios específicos para apoiar grandes investimentos nas cidades de Vigo e Pontevedra por un importe total de 8 millóns. “Cada euro investido pola Deputación nestes plans, é un euro que xera benestar e actividade na provincia”, defendeu o presidente.
Aposta pola enoloxía como motor do turismo Aproveitando a celebración deste foro nunha bodega, o máximo responsable da Deputación fixo unha mención especial á importancia do turismo na economía do Salnés e da provincia. “A marca Rías Baixas nace aquí, e desde aquí se estende por toda unha provincia que nos agasalla experiencias 100% recomendables. O turismo é o noso escaparate, a nosa marca, o noso orgullo, un dos nosos motores e tamén o compromiso da Deputación”, afirmou Luis López.
Neste sentido, o presidente referiuse ao enoturismo como un dos principais atractivos deste destino turístico. “Entre os dez puntos máis buscados polos usuarios de redes sociais nas Rías Baixas había bodegas, e non en posicións de cola”, subliñou. É por iso que aproveitou para tender a man da Deputación aos empresarios da Denominación de Orixe Rías Baixas para impulsar este modelo de turismo que “xa reporta réditos máis que interesantes”. Un obxectivo para o que é preciso “traballo e planificación” como a que
impulsan desde Turismo Rías Baixas cun plan estratéxico que está a consolidar as Rías Baixas como un destino atractivo, moderno e desestacionalizado. Neste punto, adiantou Luis López que as Rías Baixas veñen de recibir unha axuda do Ministerio para desfrutar das praias ao longo de todo ano como espazos de ocio, sendeirismo ou observatorio de estrelas.
Luis López rematou o seu discurso agradecendo ao colectivo empresarial pola organización de foros deste tipo e reiterando que a Deputación é unha administración que “ademais de pontes, tamén tende a man aos emprendedores e emprendedoras da nosa provincia”. Sen embargo, lamentou que a provincia non recibe o mesmo trato por parte doutras administracións, dixo o mandatario facendo referencia á negativa a transferir a Galicia a ordenación do litoral, aos retrasos na implantación dos trens Avril ou na chegada de fondos europeos para proxectos estratéxicos como o Perte de Stellantis.
“A provincia de Pontevedra pode estar orgullosa do seu tecido empresarial. Hoxe saio de aquí coa certeza de que somos un pouco máis aliados”, concluíu o presidente da Deputación.