23 noviembre, 2024
A vicepresidenta provincial compromete o 80% do financiamento desta obra, que consistirá na reposición do firme, no que se aprecian importantes fisuras e roturas, e no peche perimetral con malla metálica da instalación deportiva das Relfas
A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, acaba de confirmar que a Deputación de Pontevedra asumirá un 80% do custe da reparación do muro de contención e o noiro no campo municipal de fútbol do Sárdoma-Moledo. Segundo informou, a institución provincial achegará 650.000 euros, correspondendo ao Concello de Vigo os 169.681,04 euros restantes.
Este proxecto atópase no marco das actuacións que ambas as dúas administracións impulsan en colaboración e da mostra do compromiso inquebrantable da Deputación na planificación urbana da cidade e na execución de proxectos de interese xeral ou infraestruturas públicas. Neste sentido, a responsable provincial aclarou que este é o primeiro dos convenios que se firmarán con cargo á reserva orzamentaria do 2024, de 5 millóns de euros en investimentos provinciais para Vigo.
Os traballos, segundo figura na memoria técnica do proxecto, consistirán na construción dun muro de contención de 7 metros de altura ao pé do noiro, dando continuidade ao situado ao norte do campo das Relfas, e bordeando toda a lonxitude do mesmo. Indicase esta solución á vista da xeometría do noiro e as características do terreo, e como a opción de menor afección sobre o normal funcionamento das instalacións deportivas.
Entre as intervencións que se levarán a cabo figuran a demolición do pavimento deteriorado, no que se aprecian importantes fisuras e roturas, e a posterior reposición do firme na explanada; a execución do drenaxe mediante cuneta perimetral -as fendas favorecen a entrada de auga ao terraplén- e posterior conexión ao existente; e a retirada e reposición do peche perimetral con malla metálica. O prazo estimado de execución é de 5 meses desde o inicio da obra.
Tal e como indicou a vicepresidenta, esta actuación súmase a outros proxectos xa comprometidos na cidade de Vigo, entre os que se atopan os 6,2 millóns correspondentes aos tres convenios firmados recentemente entre a Deputación e o Concello -as ramplas mecánicas na rúa Pintor Colmeiro, a mellora da accesibilidade en Juan Ramón Jiménez e a humanización da rúa San Roque-, os 13 millóns de euros da grada de Gol de Balaídos ou os 4,6 millóns destinados a compra do Teatro Cine Fraga. En suma, 30 millóns de euros, o investimento máis alto da institución provincial na cidade.
Ao fío deste anuncio, Sánchez quixo estender ao ámbito estritamente deportivo o seu compromiso cos equipos de Begoña Aldao e Carlos Rodríguez. Así, indicou que o Sárdoma CF recibiu este ano preto de 18.000 euros, no marco das axudas que a Deputación destina aos clubs que participan en competicións de ámbito estatal; e que o Moledo CF incrementou a partida nun 11%, ata os 1.890,85€, por competir en ámbito inferior a estatal.
Ambos importes son consecuencia, tal e como sinalou a responsable de Deportes na provincia, dos cambios nas bases da citada orde de subvencións, corrixindo “desequilibrios que se viñan dando nas convocatorias anteriores e favorecendo un reparto máis ecuánime dos fondos provinciais, tal e como demandaban os propios clubs, ponderando criterios como as licencias femininas, de deporte adaptado ou de base”.
No caso do club vigués de fútbol feminino, do que dixo é “un dos grandes referentes da provincia”, a vicepresidenta destacou que, se ben se trata dunha cantidade inferior ao do ano pasado debido ao seu descenso, “son preto de 8.000 euros máis do que recibiu o club na convocatoria de 2022”, para engadir que “pese a ter descendido de categoría a Deputación continúa considerando que compiten en ámbito estatal e que son un equipo de elite”.
Alerta