
16 octubre, 2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto co conselleiro de Cultura, José López Campos, valorou este mércores a “excepcional resposta” da cidade para participar nas visitas guiadas ao Teatro Cine Fraga como a “ratificación” de que Vigo avala o proceso de recuperación deste histórico inmoble, emprendido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Tal e como desvelaron os dous representantes institucionais, o teléfono de reservas recibiu nunha semana preto de 800 peticións para participar neste programa de portas abertas, polo que xa se están dando citas para o vindeiro mes de marzo. Un “éxito” que demostra o “acerto” desta iniciativa. De tal xeito, Luisa Sánchez e José López Campos agradeceron aos vigueses o “entusiasmo” amosado por percorrer o interior deste edificio, pechado desde hai 24 anos.
“Vigo, coa súa excepcional resposta a estas visitas guiadas, demostra canto quería que se recuperase este inmoble tan emblemático. E quérollo agradecer. Quero agradecerlle á cidade que, con esta reacción, ratifique o que sabiamos: que este edificio non podía seguir pechado. E que só había dúas opcións: exercer de mero espectador quedándose fóra, observando a fachada de brazos cruzados, ou actuar abrindo as súas portas e ofrecéndoo á cidade. E iso é o que imos facer agora, abrir o Fraga e entrar no seu interior”, apuntou a vicepresidenta da Deputación antes de comezar a primeiras das visitas. A representante provincial convidou aos asistentes a “gozar da experiencia revivindo recordos do pasado” pero “sabendo que está a punto de comezar unha nova etapa para o Teatro Cine Fraga”.
Pola súa banda, López Campos considerou que “a alta demanda” por coñecer o interior deste ben, de 7.000 metros cadrados e incluído no Patrimonio Cultural de Galicia, “reflicte o entusiasmo e implicación da sociedade por este inmoble, á vez que nos confirma o acerto en telo recuperado”, aseverou con respecto á súa adquisición en xullo de 2024 por parte da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
As quince persoas inscritas na primeira quenda desta xornada inaugural visitaron o edificio acompañadas das explicacións ofrecidas por unha guía titulada. Percorreron desde a fachada ata o vestíbulo principal do edificio, con parada na escaleira de acceso ao segundo andar, que permite ter unha visión da parte superior do inmoble, para concluír na platea.
Este programa de portas abertas desenvolverase todos os mércores ás 12.30, 16.00 e 17.00 horas en grupos reducidos de quince persoas ata o comezo das obras coas que Deputación e Xunta converterán o Teatro Cine Fraga nun centro pioneiro e referente en Galicia e no noroeste peninsular.
De xeito inicial, estas visitas están reservadas en outubro para aquelas persoas que participaron en ‘O mellor espazo busca o mellor contido’, a campaña na que a través de encontros presenciais e unha caixa de correos virtual permitiu recompilar ideas, achegas e propostas da cidadanía para enriquecer o plan de usos “co obxecto de transformalo nun dos epicentros culturais da eurorrexión Galicia- Norte de Portugal”. As quendas a partir do mes de novembro están abertas para todo o conxunto da cidadanía a través do número de teléfono 986 118 227.
GALERIA:
Alerta