Luz verde á aprobación inicial do Plan Xeral de Vigo

Compartir
A Xunta de Goberno Local, reunida este mércores en sesión extraordinaria

O goberno de Vigo aproba o Plan Xeral, que inclúe 159 hectáreas para novas actividades económicas.

 

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este mércores á aprobación inicial dun PXOM “equilibrado” entre o peso residencial e de acción produtiva. O alcalde explicou que o documento reserva 159,17 hectáreas para dar cabida a novos usos industriais e/ou terciarios.

 

A Xunta de Goberno Local reuniuse este mércores en sesión extraordinaria para aprobar inicialmente o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que pasará novamente pola Xerencia de Urbanismo este luns, 23 de agosto, previo á súa ratificación a finais de mes polo Pleno da Corporación.

En declaracións aos medios, Abel Caballero trazou a senda administrativa que afronta o planeamento cara a súa aprobación e singularizou un aspecto relevante que contén: o equilibrio existente entre as actividades residenciais e as produtivas. A este respecto, o alcalde informou que o novo Plan Xeral reserva 159,17 hectáreas de ámbitos especializados para acoller novas tarefas industriais e/ou terciarias, entre as que citou, a modo de exemplo, a ampliación do polígono industrial de Citroën e a transformación da Avenida de Madrid e contorna nun eixo de actividades terciarias da cidade.

Deste total, 63,4 hectáreas figuran en solo urbanizable para usos mixtos, industriais e terciarios; outras 21,2, en solo urbanizable con destino exclusivo para terciario; e outros 53,75 máis de ámbitos de deveñen de instrumentos supramunicipais de ordenación territorial. Ademais, 13,97 hectáreas están en sete ámbitos de solo urbano non consolidado para uso mixto industrial terciario e outras 6,85, noutras tres zonas para uso terciario en exclusiva.

Por outra banda, o alcalde engadiu que o novo PXOM, nos ámbitos de solo urbano non consolidado e nos sectores de solo urbanizable de uso residencial, establece unha reserva para acoller lago máis de 465.300 metros cadrados destinados a usos terciarios de tipo urbano, repartidos por toda a cidade. Ademais, Vigo ten numerosos enclaves de solo urbano que dan cabida a actividades empresariais ás que o Plan en tramitación garante o seu mantemento e ordena a súa mellora e funcionalidade, integrándoos na trama urbana. Este é o caso de Gandarón, Sárdoma, O Caramuxo, Ricardo Mella, Puxeiros ou a propia Avenida de Madrid, áreas que suman unha superficie total próxima ás 240 hectáreas.

Renuncias

Explicou Abel Caballero que a ordenación, a diferencia do PXOM aprobado no 2008, prescinde dos polígonos de Chan de Labrador e da “Cidade do Frío” de Matamá-Valadares, en particular por razóns ambientais, paisaxísticas, orográficas e tamén funcionais. “Queremos que alí se faga monte, bosque, natureza e medio ambiente”, manifestou Caballero.