18 diciembre, 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu hoxe no Parlamento para explicar as actuacións en materia de vivenda no concello vigués
Destaca que no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, está en licitación o PIA do Ofimático, no que se prevé desenvolver solo para 2.300 vivendas
Anuncia que en febreiro estarán listos os estudos de viabilidade dos catro novos ámbitos que se están estudando co Concello para seguir sumando solo residencial no concello
A conselleira afirma que Vigo é o concello onde a Xunta “está a desenvolver máis vivenda pública nestes momentos e onde temos previsto desenvolver solo residencial para seguir sumando tanto vivenda protexida como libre”
Lembra que a área urbana de Vigo disporá de solo residencial para máis de 9.000 vivendas, das que o 80% serán vivendas protexidas
Destaca que case a metade das 1.600 vivendas públicas que xa están en marcha en Galicia, 755, están en Navia e subliña que “nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe no Parlamento que a Xunta está a investir 183M€ na construción de vivendas en Navia, en Vigo, dos que tan só 16M€ se financian con fondos europeos.
M. Allegue recordou que diante do reto de duplicar o parque público residencial coa construción nesta lexislatura de 4.000 novas vivendas, Vigo suma a previsión das citadas 1.600 en Navia, e case a metade, 755, están xa en marcha en distintas fases de execución. “E seguiremos sumando nas vindeiras semanas máis licitacións, que nos permitirán pechar 2024 cun récord de vivendas públicas en execución; Nunca se fixo tanto en tan pouco tempo”. Lembrou precisamente que este martes arrancou a construción do primeiro edificio da ampliación de Navia.
Na actualidade, só en Navia están en marcha as 359VPP previstas no polígono 1 da ampliación.
Reivindicou o compromiso da Xunta en materia de vivenda en Vigo, ao lembrar que é neste concello onde a Administración autonómica “está a desenvolver máis vivenda pública nestes momentos e onde temos previsto desenvolver solo residencial para seguir sumando tanto vivenda protexida como libre, para dar resposta ás necesidades da súa veciñanza”.
M. Allegue destacou que ao remate da Estratexia Galega de Solo Residencial, a área urbana de Vigo disporá de solo con capacidade para máis de 9.000 vivendas, das que o 80% serán vivendas protexidas. E anunciou que no mes de febreiro estarán listos os estudos de viabilidade dos catro novos ámbitos que se están estudando co Concello para seguir sumando
solo residencial no concello.
Neste senso, lembrou que no marco desta Estratexia Galega de Solo Residencial, está en licitación a redacción do primeiro Proxecto de Interese Autonómico (PIA) no ámbito do chamado Ofimático, no que se desenvolverá solo para facilitar a construción de 2.300 vivendas. “Esta é unha estratexia viva, en desenvolvemento e, por suposto, non está pechada -sinalou-. E non será o único ámbito que desenvolvamos en Vigo. Seguimos en contacto co Concello para analizar outras propostas que nos achegaron para analizar a súa viabilidade”.
Así, a previsión nesta Estratexia é que a área urbana de Vigo contará nun futuro con solo residencial con capacidade para máis de 9.000 vivendas, o 80% das cales serán vivendas protexidas. “O obxectivo témolo claro e tamén as ferramentas que estamos a poñer en marcha para acadala -apuntou-. E, por suposto, entre elas cóntase a cooperación pública, que se suma ao traballo da man do sector privado pola que vimos apostando e que xa está dando os seus froitos”.
A este respecto, M. Allegue volveu demandar que os Concellos se impliquen desenvolvemento desta Estratexia, “unha colaboración que foi excelente ata o de agora en todos os concellos cos que falamos para analizar posibles ámbitos para desenvolver Proxectos de Interese Autonómico (PIAS) ou para a cesión de solos urbanos”.
“A realidade -lembrou- é que o Concello de Vigo é o ámbito urbano no que se vai desenvolver o maior número de vivenda protexida no marco da Estratexia de Solo Residencial: 2.300 vivendas que se construirán nas 20 hectáreas de novo solo que estamos a desenvolver a través do Proxecto de Interese Autonómico que xa licitamos o pasado mes de novembro”.
Por outra banda, citou outras iniciativas da Xunta en materia de vivenda en Vigo. Deste xeito, a Administración autonómica achega cada ano 400.000€ ao Consorcio do Casco Vello, “investimento que nos permitiu adquirir 89 inmobles e rehabilitar ata o de agora 130 vivendas”.
Ademais, a través do programa Barrios asignouse ao Concello vigués case o 20% do investimento total do plan, 6,4M€ destinados a rehabilitación das contornas residenciais e urbanas de San Roque, Casco Vello, Bouzas, Lavadores, Beiramar, Santa Clara ou Teis “e que permitirá actuar en case un milleiro de vivendas grazas aos fondos que xa lle transferimos ao Concello de Vigo”.
Trátase, como sinalou a conselleira, de fondos europeos “que a Xunta executa con eficacia, tal e como recoñece o propio Ministerio de Vivenda, cando concedeu a Galicia un millón de euros extra dos fondos MRR non executados por outras comunidades”.
Alerta