12 abril, 2024
O BNG de Vigo denuncia que son máis de 11 mil as queixas veciñais rexistradas no Concello desde o inicio do mandato
A fronte nacionalista solicita que se constitúa a Comisión Especial de Queixas e Suxestións para “botar abaixo o muro de silencio co que Caballero lle vira as costas ás viguesas e aos vigueses”
Xabier P. Igrexas: “Este volume brutal de queixas evidencia a desatención das necesidades reais das viguesas e vigueses pola de xestión dun Goberno municipal reducido a un único superconcelleiro de propaganda na persoa do alcalde”
O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar que o Concello de Vigo recibiu desde o inicio do actual mandato municipal, o 17 de xuño do pasado ano 2023, máis de 11 mil queixas por parte da veciñanza e de diferentes colectivos e entidades sociais, o que fai unha media de 37 queixas ao día.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, esta “enorme cantidade de queixas evidencia a insatisfacción cidadá e a desatención das necesidades da veciñanza de Vigo”, nomeadamente no referido ao funcionamento dos servizos públicos dependentes do Concello e tamén ao estado de “abandono” que padecen o conxunto dos barrios e parroquias da cidade.
“Non sabemos se todas esas persoas son tamén parte do club antiVigo no que Abel Caballero inclúe, día si e día tamén, a todo aquel que se atreve a denunciar a situación real da cidade, a demandar solucións aos problemas ou a formular alternativas fronte ao seu desgoberno” ironizou.
As 11.160 queixas contabilizadas no rexistro municipal non inclúen aquelas tramitadas polo Valedor do Cidadán, que desde o ano 2017 non presenta o seu informe anual perante o Pleno. Un feito que o nacionalista considera “moi preocupante porque incide nunha inda maior desprotección da cidadanía á hora de lograr que os seus reclamos e peticións sexan atendidos”.
Para Igrexas este volume “brutal” de queixas, que na súa maioría son ignoradas, “son o contraste obxectivo e rotundo da política aparencial do Goberno municipal de Abel Caballero que utiliza grandes anuncios, vistosas infografías e promesas reiteradamente incumpridas como xigantesca alfombra na que meter debaixo a realidade da cidade para ocultar o Vigo real que vivimos as viguesas e vigueses”.
Unha situación inxustificábel, en opinión do BNG, cando o Concello dispón de máis recursos económicos do que nunca e que ten como causa “a falla de xestión dun Goberno reducido a un único superconcelleiro de propaganda na persoa do alcalde”. Así o demostra, denuncian, que mentres as viguesas e vigueses padecen o mal funcionamento de instalacións municipais, avarías constantes en subministros esenciais como a auga, a falla de limpeza e mal estado de espazos públicos, o maltrato ao noso medio natural, ou demoras infinitas para poder facer algunhas xestións diante do Concello, o executivo de Caballero deixara sen gastar só no ano 2023 un total de 152 millóns de euros do orzamento municipal.
Comisión Especial
O BNG anunciou que vai solicitar a posta en marcha a Comisión Especial de Queixas e Suxestións do Concello, que malia o seu carácter obrigatorio, non foi constituída este mandato como xa pasara no anterior.
“Entendemos que é absolutamente necesario este organismo para poder realizarmos unha fiscalización moito máis intensa e sobre todo efectiva da atención que se dá ás queixas da veciñanza da cidade”, explicou o portavoz municipal nacionalista.
“Temos que botar abaixo o muro de silencio co que Caballero lle vira as costas ás viguesas e aos vigueses”, remachou Igrexas.
Alerta