Máis de 300 persoas participaron hoxe na andaina de Eu Rural en Mos, ‘O rural contra a violencia de xénero’

Compartir
Andaina. Fonte: Concello

Foron 5 quilómetros de percorrido con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos. Ao remate a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, fixo lectura dun manifesto e os presentes puideron gozar da actuación musical do grupo Meigas Fóra, da Asociación Tangaraño e dunha degustación de empanadas.

 

Máis de 300 persoas participaron esta mañá na andaina contra a violencia de xénero organizada por Eu Rural en Mos baixo o título de ‘O rural contra a violencia de xénero’.

A encargada de ler o manifesto ao remate da andaina foi a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que estivo acompañada polo tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, pola concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, demais membros da Corporación Muncipal e o Subdirector de Agader, (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), Moisés Paradelo Blanco.

 

Andaina. Fonte: Concello

 

Eu Rural sumouse así á campaña ‘O rural contra a violencia de xénero’ coordinada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural co gallo do Día Mundial da eliminación da violencia contra a muller o vindeiro 25 de novembro. Fíxoo con esta andaina para todos os públicos que tivo un percorrido de 5 quilómetros de dificultade baixa con saída ás 10.30 horas dende o Pazo de Mos.

 

Andaina. Fonte: Concello

 

A ruta rematou no mesmo pazo coa actuación musical de Meigas Fóra, da Asociación Cultural Tangaraño, e con degustación de empanadas. Eu Rural contou para esta actividade cun deseño propio do territorio cunha imaxe fortemente vinculada a todos os municipios que o integran. Eu Rural quixo agradecer o traballo e a implicación ao Concello de Mos e ao Pazo de Mos, pola colaboración co grupo de desenvolvemento.

 

Andaina. Fonte: Concello

 

Agader encargouse de coordinar aos 24 grupos de desenvolvemento rural que participaron nesta campaña, que conta coa colaboración da Consellería do Medio Rural, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia, e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.

 

Andaina. Fonte: Concello

 

O acto central da campaña foi esta andaina popular que implicou a miles de persoas do rural que o mesmo día á mesma hora camiñaron dende 24 puntos distintos do territorio galego para reclamar o fin a violencia machista e defender a igualdade. Ademais, a través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta de Galicia tamén quere poñer en valor as diferentes rutas de peregrinación do Camiño de Santiago, con motivo do Xacobeo 21-22. No caso de Mos, os 5 quilómetros da andaina transcorreron polo trazado do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ao seu paso polo municipio.