Máis de 800 deportistas participarán no campionato de España de sprint olímpico sénior e xuvenil

Compartir

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá o Campionato de España de sprint olímpico sénior e xuvenil que se celebrará no complexo deportivo David Cal de Verducido, entre o 30 de xullo e o 1 de agosto.

A presentación contou coa presencia do concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o deputado provincial Manuel González e a vicepresidenta da Federación Galega de Piragüismo, Araceli Menduiña.

Trátase dunha das citas deportivas máis importantes que se vivirán este verán na cidade, ao contar cunha participación de máis de 800 persoas, e que como sinalou Tino Fernández, terá un impacto económico moi relevante para a cidade, ao sumar tamén a esa cifra os acompañantes dos piragüistas.

«Unha vez máis, este ano, temos a sorte de poder anunciar unha proba de alto nivel no Pontillón do Castro», comentou en rolda de prensa o concelleiro de Deportes. «O piragüismo é un deporte de referencia, sempre o é, pero este ano está sendo un deporte que nos está a aportar eventos de altísimo nivel. Levamos uns cantos, e aínda quedan outros máis por vir».

«É unha proba importantísima non só pola súa repercusión deportiva, que é evidente ao visibilizar o piragüismo en Pontevedra, senón tamén pola actividade económica que provocará», continuou Fernández. «Todos estamos empeñados en recuperar a normalidade, en gozar da nosa cidade, e temos que seguir sendo prudentes; pero temos que buscar accións que nos permitan mellorar a actividade económica da nosa cidade. Oitocentas persoas, máis acompañantes, supoñen un impulso importante para sectores moi prexudicados como a hostalaría, polo que agradecemos o esforzo da Federación de Piragüismo por continuar traendo probas a Pontevedra».

As probas desenvolveranse ao longo de tres días, contando o primeiro coas probas de K1 e C1; o segundo e terceiro día coas probas de K2 e K4. Araceli Menduiña destacou a igualdade de puntos coa que chegan algúns equipos a esta proba, que puntúa para o campionato nacional, e que podería xa deixar un equipo gañador do mesmo, polo que anticipa emoción e espectáculo.