Compartir

A camiñada, destinada á poboación en xeral e de carácter gratuíto, terá lugar o 18 de xullo e conta con 200 prazas dispoñibles

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 28 de xuño, o prazo de inscrición para a primeira das DepoAndainas, que transcorrerá o domingo 18 de xullo pola Vía Verde que une os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa. As persoas que desexen realizar esta actividade, destinada á poboación en xeral e de carácter gratuíto, terán que encher un cuestionario que estará dispoñible a partir das 10 horas no sitio web da Deputación  ata completar o aforo de 200 prazas. O prazo para inscribirse remata o 12 de xullo e, no momento no que se completen as prazas, todas aquelas persoas que queiran participar na actividade pasarán a formar parte dunha lista de agarda na que se incluirá a un máximo de 100 persoas.

O percorrido desta primeira DepoAndaina será circular e sairá da Carballeira de Caldas de Reis ás 10.00 horas. Cunha dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia, a camiñada comezará percorrendo a senda peonil en dirección ao concello de Portas, lugar onde se inicia a Vía Verde que transcorre polas antigas vías do tren. Esta senda foi financiada na súa maior parte pola Deputación de Pontevedra, que xunto a achegas dos tres concellos polos que transcorre, fixeron posible que a comarca do Salnés conte coa primeira vía destas características que transcorre integramente por Galicia.

Seguintes rutas
Durante os meses do verán o programa provincial ofrecerá outras tres rutas no marco da súa sexta edición. Todas elas percorrerán enclaves emblemáticos da provincia e contarán, ao igual que esta primeira camiñada, con 200 prazas cada unha. A seguinte andaina será unha ruta polos muíños de Golfaríz, no concello da Estrada, o domingo 1 de agosto e o seu prazo de inscrición abrirá o 19 de xullo. A continuación, as DepoAndainas chegarán ao concello de Mondariz cun percorrido polo río Tea o domingo 22 de agosto, para poder participar nesta camiñada será preciso reservar praza a partir do 2 de agosto. A derradeira destas rutas terá lugar o 12 de setembro pola Senda Azul do río Verdugo, en Ponte Caldeas, e o prazo de inscrición abrirase o 23 de agosto.