20 noviembre, 2024
― A conselleira lembrou que a Xunta vén de crear a nova Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, a través da que se promoverá unha parte das novas vivendas protexidas que se incorporará ao mercado
― Fixo fincapé en que a Xunta puxo en marcha nos últimos sete meses máis de 1.600 vivendas de promoción pública, das que máis da metade xa están en fase de construción
― Destacou que xa están practicamente outorgadas o 100% as axudas ao alugueiro concedidas por importe de 20M€
― Remarcou medidas excepcionais para fomentar o alugueiro como a equiparación nos beneficios fiscais dos locais comerciais que se convertan en vivenda, a dedución do 15% da adecuación dun inmoble para arrendalo ou de 500€ polo aluguer de vivendas baleiras
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo hoxe en valor no Parlamento as medidas da Xunta para incrementar e mellorar o acceso á vivenda de alugueiro. M. Allegue respondeu a unha pregunta oral no Pleno, onde detallou o traballo que está a realizar a Xunta para acadar prezos accesibles na vivenda galega, un compromiso prioritario adquirido polo presidente Alfonso Rueda no inicio do seu mandato.
A conselleira lembrou que a Xunta vén de crear a nova Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, a través da que se promoverá unha parte das novas vivendas protexidas que se incorporará ao mercado, e que permitirá avanzar no obxectivo de lexislatura de duplicar o parque público de vivenda, ao tempo que se incrementa a oferta no mercado.
Fixo fincapé en que a Xunta puxo en marcha nos últimos sete meses máis de 1.600 vivendas de promoción pública, das que máis da metade, 779, xa están en fase de construción.
Lembrou que esta semana se suman novas licitacións no Polígono de Navia, onde xa se puxeron en marcha máis da metade das vivendas previstas. Estes trámites permitirán en poucas semanas contar con máis de 2.000 vivendas licitadas.
Destacou a aposta por medidas efectivas para aumentar o mercado da vivenda accesible que xa se recollen no marco do Pacto de Vivenda como a adquisición e rehabilitación de vivendas para o seu destino á vivenda de alugueiro social. Este fito acádase a partir da compra directa de 143 vivendas de promoción pública cun investimento de case 8M€; coa inclusión do programa Viena, que permitirá contar a Galicia con 300 novas VPA; ou a través da rehabilitación, con programas como o Rexurbe, destinando 7M€ en 2025.
Puxo tamén o acento nas axudas finalistas, como as dirixidas ao alugueiro de vivendas, tendo hoxe practicamente adxudicadas o 100% da nova convocatoria, á que se destinan 20M€ que se suman as que se concederon entre 2021 e 2023 por importe de 39,1 M€.
Ademais a Xunta ofrece axudas ao sector, para fomentar a promoción de novas vivendas protexidas de titularidade privada en alugamento en solo propiedade do IGVS, mobilizando 2,9M€.
Tamén están activas as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para reformar inmobles da súa titularidade e destinalos ao alugueiro accesible. Complétanse co Fondo de Cooperación Local, mediante o que os concellos de menos de 50.000 habitantes poden financiar a adquisición de vivenda para destino público. Para este 2025 porase a disposición dos concellos outros 10M€ para seguir apoiando ás administracións locais, que tamén teñen un papel moi importante neste proceso de incremento da vivenda pública.
A Xunta está a poñer o foco en facilitar o acceso da mocidade á vivenda, con medidas pioneiras como a construción de aloxamentos temporais para alugueiro a mozos de ata 36 anos. Sen embargo, fronte a esta aposta autonómica, Galicia segue a esperar do Goberno a transferencia dos 11,4M€ que lle corresponde da convocatoria bianual do Bono Alugueiro Mocidade que, pese as reiteradas demandas, vai recortar á metade.
A conselleira recordou que a Xunta tamén activou medidas excepcionais aplicables ata finais de 2028 para seguir avanzando no obxectivo dun parque público de vivenda máis amplo.
Referiuse á bonificación de actos xurídicos documentados nos inmobles adquiridos ou reformados que se destinen a alugueiro; á equiparación nos beneficios fiscais dos locais comerciais que se convertan en vivenda; á dedución dos 15% dos gastos da adecuación dun inmoble para arrendalo; ou á dedución no IRPF de 500€ polo arrendamento de vivendas baleiras.
Alerta