María Angeles Durán: “O maior éxito da humanidade nos últimos anos é chegar a ser una sociedade de vellos”

Compartir
Agora. Fonte: Deputación

A catedrática de Socioloxía e profesora do CSIC instou aos gobernantes locais da provincia dende a Facultade Ágora, a “crear cidades que coidan porque supón calidade de vida”.

O seminario ‘Hábitat sociable’ abordou tamén como a iluminación pode axudar a crear “cidades amables”, e como a fotografía reflexa os diferentes usos que as persoas fan do espazo público.

 

A catedrática de Socioloxía e profesora do CSIC, María Ángeles Durán, asegurou hoxe na Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra que “o maior éxito da humanidade nos últimos anos é chegar a ser unha sociedade de vellos”. Na súa loa á a lonxevidade instou a deseñar as cidades para as persoas máis vulnerables, xa que “crear cidades que coidan supón calidade de vida”.

Ante os máis de 200 representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia pediu que as persoas con responsabilidades e poder de decisión deben pensar na parte da poboación que ten maiores dificultades para facerse escoitar: as persoas que precisan o coidado. “Se imos converternos nun país vello, gracias a Deus, porque iso significa que non morremos…  preparémonos e gocemos deste cambio demográfico, que é o maior éxito que ten conseguido a humanidade nos últimos anos: chegar a ser sociedades de vellos”, asegurou.

 

Agora. Fonte: Deputación

 

As e os gobernantes, dixo, non deben pensar unicamente na rendibilidade das mercancías porque ao seu xuízo a calidade de vida precisa un soporte económico e financeiro “pero é moito máis que todo iso: unha cidade que coida gaña calidade de vida inmediatamente. Unha cidade que non ofrece coidados, xa pode ter a renda ‘per cápita’ ou as innovacións tecnolóxicas que queira, que nunca será unha boa cidade para vivila”, sentenzou.

 

Agora. Fonte: Deputación

 

Durán, que nos vindeiros días cumprirá 79 anos, falou dende a súa experiencia persoal e explicou que participa nunha iniciativa de ‘cohousing’ pensando no seu futuro. Subliñou que a partir dunha certa idade as persoas maiores “quedámonos soas” e é preciso buscar formas de vivir que permitan ter compañía e estar en sociedade sen seren excluíntes. “Hai que integrar esas residencias, esas iniciativas para que estean en zonas peonís, accesibles”, insistiu, criticando as grandes urbanizacións de luxo que se constrúen nos extrarradios e que de cara a futuro serán “reservorios de soidade”.

Durán foi grandemente aplaudida polas súas palabras e quixo engadir que as persoas gobernantes que sigan as súas indicacións de ter en conta ás persoas maiores teñen en España 9,5 millóns de votos.

 

Agora. Fonte: Deputación

 

Mulleres e homes utilizan de maneira diferente o espazo público

Outra das cuestións que abordou Durán no seu relatorio foi a perspectiva de xénero na maneira de utilizar as cidades. Segundo dixo, mulleres e homes utilizan de forma diferente os espazos públicos, tanto por horarios como por segregacións espaciais. Apuntou que os modos de desprazamento son tamén distintos, sendo os femininos en ‘zig-zag’, facendo recados e de maneira prioritaria camiñando, fronte aos desprazamentos motorizados e directos dos usuarios masculinos.

Durán salientou a importancia do recoñecemento ás mulleres no rueiro, que definiu como un “recoñecemento á memoria”, e tamén que é preciso ter en conta os deseños urbanos para fomentar a sensación de seguridade. Sinalou que se se lles pregunta ás mulleres de hoxe que é o esencial boa parte falará de liberdade no sentido da seguridade viaria. Apuntou que hai cidades no mundo nas que as mulleres non saen por medo e ante isto preguntou como a cidade pode ofrecer seguridade.

“As mulleres renuncian a utilizar os espazos públicos que ao mellor quixeran conquistar. Por que? Porque máis vale a prudencia, pero con tanta garda da prudencia renunciamos á conquista. A rapaza moza que vai en minisaia a unhas horas tarde na madrugada ten dereito a facelo. Ímola criminalizar se ten un asalto? Se ten un abuso? O non é non? O si é si? É preciso ver como cada cidade busca os mellores medios para que sexa realmente segura para todos, para o neno, para a muller, para o vello…”, insistiu.

 

Agora. Fonte: Deputación

 

Ángel González: semáforos no chan para os ‘zombis’

O responsable da empresa de iluminación pontevedresa Setga, Ángel González, titulou a súa intervención ‘Alumeado público versus iluminación pública’ para facer unha chamada de atención sobre como a utilización da luz nos espazos públicos pode contribuír a xerar contornas de calidade.

González falou sobre como a iluminación debe estar pensada como se fose mobiliario urbano e deseñada a escala humana en función da súa contorna e da necesidades a cubrir. Subliñou que para levar adiante boas prácticas á hora de iluminar espazos é preciso ter en conta os intervalos temporais nos que se activa a iluminación, evitar a intrusión lumínica, e aplicar características espectrais adaptadas a cada uso. Lembrou, como exemplo, que hai anos se usaban bombillas azuis para os flexos de mesas de estudo, “algo que tiña sentido”, segundo explicou, porque esa bombilla aumenta a onda corta da luz, esta promove a produción de cortisol, e esa hormona favorece a concentración.

Falou tamén González dos espazos amables e de calidade, que achegan sensación de seguridade grazas á luz ben asentada, sen claroscuros e con continuidade, con bos proxectos e bos aparatos. Insistiu sobre todo na boa iluminación que deben ter os espazos identitarios, así como as áreas urbanas dinámicas “e democráticas”, e tamén abordou como a iluminación pode contribuír a unha mobilidade inclusiva e segura dando luz sobre todo ás beirarrúas e os pasos de peóns. Tamén falou dos “zombis”, que definiu como persoas que camiñan mirando o móbil sen levantar a cabeza para as que é preciso incluso poñer semáforos no chan.

En xeral, González indicou que apesares de que non existe unha cultura da luz, cada vez hai maior cultura da calidade urbana, polo que os concellos están a entrar a valorar as posibilidades que ofrece a iluminación no deseño urbano. “Nós facemos un labor pedagóxico. Amosamos a alcaldes e alcaldesas o que van facer e o que poden chegar a facer. Moitos fan caso e incluso se ilusionan”, apuntou, para sinalar que coa luz hai un símil entre o teatro e a vida: “Na nosa vida hai un escenario que é a rúa. No teatro no escenario hai un electricista e un iluminador, a luz é fundamental. Na vida tamén. É importante ter bos proxectos e iluminación de calidade”.

 

 

Agora. Fonte: Deputación

 

Iwan Baan: a fotografía para documentar que as persoas se apropian das rúas

O fotógrafo holandés Iwaan Baan, especialista en fotografía urbana, foi o responsable do último relatorio da primeira edición da Facultade Ágora. Destacou que grazas ao seu traballo fotografando cidades e lugares ao longo do mundo pode ver os diferentes usos que se fan do espazo público. “Vexo como as persoas se apropian dos lugares, dos edificios e das rúas, e a maneira en que se fai en cada sitio di moito da cidade na que estás”, explicou o fotógrafo, que sinalou que a fotografía é a mellor ferramenta para estar presentes e vivir experiencias, “ver como viven as persoas que se senten cómodas nas súas vilas e levar esas ideas a outros lugares”.

Apuntou que hai moitas cidades caóticas, e mediante as fotografías búscase sacar o mellor das persoas, poñendo en evidencia infraestruturas e facendo que se constrúan “da mellor maneira” en función das necesidades.

Finalmente, a presidenta da Deputación Carmela Silva achegouse despois do pleno provincial para saudar ás persoas relatoras do último seminario. Subliñou que a Facultade Ágora é unha iniciativa moi potente, “un instrumento de escoita activa” que se vai converter en ferramenta de toma de decisión para as e os servidores públicos á hora de actuar no espazo público para mellorar a vida das persoas. “A Facultade Ágora vai deixar moito pouso e permitir que se fagan moitas cousas”, insistiu.