María Purificación Neira abre o venres a segunda parte da facultade Agora

Compartir
María Neira. Fonte: Deputación

A xornada organizada polo departamento de Mobilidade da Deputación reflexionará sobre como os espazos públicos de calidade en vilas e cidades, poden axudar a mellorar da saúde da poboación.

Participarán tamén no seminario o biólogo Josep Selga, o neumólogo do CHUP Adolfo Baloira, e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola.

 

A Facultade Ágora, a iniciativa formativa da Deputación de Pontevedra para persoal político e técnico da Provincia, en aras de mellorar o espazo público e aumentar a calidade de vida das persoas, vai retomar este venres a súa actividade logo do parón do verán, para falar da relación entre espazos públicos, saúde e biodiversidade. E farao cun plantel de profesores e profesoras de excelencia, encabezado pola médica María Purificación Neira, que dirixe o departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde, e que nestes momentos está na primeira liña mediática pola crise da covid.

O principal obxectivo da xornada, á que asistirán de maneira mixta (presencial e por zoom), as máis de 200 persoas apuntadas, pretende estudar a relación entre a humanización do espazo público e a mellora da saúde e a biodiversidade, complementando as exposicións cun repaso práctico de experiencias locais. Entre outras, porase sobre a mesa temas como a importancia dos novos modelos urbanos, xa interiorizados por gobernantes e poboación, que buscan reducir o impacto do tráfico motorizado e a contaminación ambiental. De maneira concreta abordarase como a polución está a afectar á cidadanía, a prevalencia de determinadas enfermidades relacionadas co modelo de vida aínda imperante, e o feito de que as persoas máis vulnerables son as que máis sofren as consecuencias.

“Antes do verán fixemos seis seminarios englobados en dous bloques, sobre o ‘Bo urbanismo’ e a ‘Boa mobilidade’, e agora iniciamos un novo bloque temático ‘O medio habitable’, no que queremos disertar e dar unha visión plural sobre o espazo público falando da saúde e a biodiversidade”, subliña o Deputado Uxío Benítez.

A relatora principal do día será a doutora María Purificación Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e do Ambiente da Organización Mundial da Saúde. Cun título de Medicina e Cirurxía (Universidade de Oviedo, España), e unha mestría en Saúde Pública da Université Pierre et Marie Curie, en París, especializouse en Endocrinoloxía e Enfermidades Metabólicas na Universidade René Déscartes, logo en Nutrición no Conservatoire National d’Arts et Métiers, e obtivo un diploma internacional en Preparación para Emerxencias e Manexo de Crises da Universidade de Xenebra, en Xenebra.

Entre setembro 2002 e agosto 2005 traballou como presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimenticia, e foi viceministra de Saúde e Asuntos do Consumidor en España. En 1999 fora asignada como Directora do Departamento de Control, Prevención e Erradicación na OMS. Anteriormente, traballara na OMS como coordinadora do Grupo Global de Traballo do Control de Cólera, e previamente fora asesora en Saúde Pública no Ministerio de Saúde en Mozambique e en Saúde Pública/Médico para a ONU asignada polo Programa para o Desenvolvemento das Nacións Unidas ( UNDP). Entre outras distincións, foi receptora da Médaille de l’ Ordre national du Mérite (Medalla á Orde Nacional do Mérito) polo goberno de Francia.

O verde urbano
Participarán tamén na sesión do venres o biólogo Josep Selga, o neumólogo do CHUP Adolfo Baloira, e a arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe Isabel Aguirre de Úrcola.

O biólogo e experto verde urbano, Josep Selga, na actualidade dedícase á asesoría e estudo da paisaxe e posúe unha dilatada experiencia no sector, como docente e profesional, sendo impulsor da AEA e primeiro presidente. Traballou no Servizo Municipal de Parques e Xardíns do Concello de Barcelona, co cargo de Xefe de Departamento de Arboledo desde o 89, e impulsou a creación da Asociación Española de Arboricultura sendo o seu primeiro presidente. Foi profesor de Posgrao de Xardinería e Paisajismo da Escola Superior de Agricultura de Barcelona, Universidade Politécnica de Cataluña, do Máster de Arquitectura da Paisaxe da Escola de Arquitectura de Barcelona ( ETSAB), Universidade Politécnica de Cataluña, e de cursos no Centro Nacional de Capacitación do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Disertará na súa intervención sobre a importancia do ‘verde’ como un recurso para facer cidades máis atractivas e habitables.

Adolfo Baloira Villar, pola súa banda, achegará á xornada datos concretos sobre afeccións sufridas pola cidadanía debido á contaminación coa base de ser neumólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Foi elixido como un dos 165 mellores médicos de España e nestes momentos atende a consulta pos-Covid para estudar as secuelas da enfermidade.

Isabel Aguirre de Úrcola é arquitecta e foi directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Rehabilitou o Parque de Bonaval en Santiago xunto a Álvaro Siza e encargouse de parques en Lisboa e Pontevedra, (Illa do Cobo).