12 septiembre, 2024
Na súa XVII edición, o FICBUEU rende homenaxe á actriz viguesa María Vázquez pola súa ampla e recoñecida traxectoria profesional desde que comezou a súa andaina no mundo da interpretación a finais dos 90. Desde entón, traballou en numerosas películas, con directores como Montxo Armendáriz, Icíar Bollaín, Gerardo Vera, Jorge Coira ou Paco Plaza. Tamén en series de televisión.
Por todo iso, o FICBUEU outórgalle o Premio Cinema Galego. Recollerao durante a entrega de premios do certame, que terá lugar a partir das 23:00 horas. Pola mañá (12.30 horas), a actriz participará nun encontro aberto ao público no que se repasará o seu traballo tras un ano no que foi nominada aos Premios Goya e recibiu a Biznaga de Prata no Festival de Málaga e o Mestre Mateo polo seu papel de Ramona, unha muller de corenta anos que fai malabarismos con múltiples traballos para manterse a flote, na película “Matria”, a primeira longametraxe do director Álvaro Gago.
Dende esta mañá, a sección «Escolas de Cinema» achega ao público do FICBUEU o traballo da incipiente canteira cinematográfica. No ámbito internacional, pero tamén en Galicia.
Na primeira categoría compiten este ano tres curtametraxes realizadas por estudantes de cinema, que se proxectarán no Auditorio do Centro Social de Bueu a partir das 17.00 horas.
Desde Alemaña chega In between (No medio) de Ilja Kislitsyn, o relato dunha refuxiada ucraína de 21 anos que busca apoio nunha Alemaña allea, illada do seu fogar, da súa familia e dos seus amigos e que decide volver practicar a natación. A peza, inspirada na historia persoal do director, explora os sentimentos e o estado emocional dos exiliados, ofrecendo unha visión íntima das súas vidas.
A cinta francesa Oiseau de passage (Ave de paso), de Victor Dupuis, preséntanos un mozo que escoita e grava os sons do bosque, o canto repetitivo dun paxaro, un corpo que flota na auga e un home misterioso cun rostro familiar co que se produce un intercambio catártico. A curta, película de graduación de Dupuis, foi seleccionado para a Berlinale e gañou o premio do público ao mellor curtametraxe belga de estudantes do Festival de Cinema de Gante.
Drama francés sobre exiliados rodado en árabe
Pecha o bloque La voix des autres (A voz dos outros), dirixido por Fatima Kaci e producido por La Fémis, a escola nacional de cinema de Francia. Este drama rodado en árabe móstranos unha muller tunisiana que traballa en París como intérprete en procedementos de solicitude de asilo e que todos os días traduce as historias de homes e mulleres exiliados cuxas voces cuestionan a súa propia historia. A cinta presentouse en Cannes.
As cinco curtametraxes de escolas de cinema galegas escollidas nesta edición foron realizadas por estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo. Proxectáronse pola mañá. Trátase de Doente, de Noelia Sánchez, sobre unha moza que, tras a morte da súa avoa, queda na casa na que ambas vivían xuntas, explorando o seu dó e a súa dor; Un abrazo es un mundo entero, obra de Manu Sacoga, que aborda o illamento dunha muller debido á súa ansiedade social; e Xogo de nenos, de Miguel R. Berride, relato de catro amigos que corren polo bosque perseguidos por dous asasinos..
Unha ollada ao rural e ao hip hop
Completaron a selección (Dis)continuo, de Javier Darriba, estudante de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago, un relato da evolución dunha aldea galega a un espazo entre rural e urbano e da maneira de habitalo a través da óptica de tres mulleres maiores que son irmás, e o documental Steps&Bars, que conta a historia da cultura hip hop en Vigo. Está asinado por Iria Piñón e Andrés Álvarez, do CIFP Audiovisual de Vigo.
Filipinas, Italia, Francia, Holanda e España, na «Sección Oficial»
Mañá ás 19.00 e ás 21.30 horas proxectaranse as curtametraxes do penúltimo bloque a concurso na «Sección Oficial» do FICBUEU. Abrirá o pase Aunque es de noche, o filme de Guillermo García premiado na última edición dos Goya como mellor curta de ficción pola súa historia sobre dous amigos que viven no asentamento chabolista da Cañada Real, en Madrid, e temen separarse. A continuación, proxectaranse a italiana Sciaraballa, de Mino Capuano; Cross my heart and hope to die (Xurocho pola miña vida), de Filipinas e dirixida por Sam Manacsa; a francesa Il compleanno di Enrico (O aniversario de Enrico), obra de Francesco Sossai; e a película de animación Wander to wonder, da directora holandesa afincada en Londres Nina Gantz. Esta curta estivo nomeada en Venecia e foi premiado nos festivais de Clermont-Ferrand e na Seminci de Valladolid. Un dos seus animadores, o español Sergio Lara, visitará o FICBUEU para falar sobre ela co público.
Alerta