Marta Fernández-Tapias acompaña a saída dos Instagrammers que ata o domingo percorrerán catro etapas do Camiño Portugués

Compartir

Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras, que suman 4 millóns de seguidores, partiron hoxe desde Redondela no marco da campaña da Xunta para divulgar o Camiño de Santiago entre a mocidade.

Os catro instagrammers farán 4 etapas da ruta xacobea coñecendo de primeira man o Camiño e compartindo diariamente a súa experiencia peregrina ata chegar a Santiago de Compostela o vindeiro 11 de xullo.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe na saída desde Redondela aos catro instagrammers que, desde hoxe e a ata o vindeiro 11 de xullo, se suman á campaña da Xunta para divulgar o Camiño de Santiago entre a mocidade.

Gala González, Martiño Rivas, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras coñeceran de primeira man o Camiño e compartirán esta experiencia peregrina cos seus máis de 4 millóns de
seguidores, actualizando as súas contas de Instagram diariamente coas súas vivencias no Camiño Portugués.

Moda, tendencias, estilo de vida, humor, cine, teatro… todo iso representan estes catro galegos que co seu talento e o seu carisma conquistaron catro millóns de persoas que seguen cada día as súas contas, os seus traballos profesionais e as súas
recomendacións. Agora durante catro días estes catro mozos vanse converter en peregrinos e en guías para eses catro millóns de persoas que os seguen.

En total percorrerán preto de 75 quilómetros deste itinerario, en catro etapas (Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis, Caldas de Reis-Lestrove e Lestrove-Santiago) ata chegar á Praza do Obradoiro, acompañados por persoas vencelladas ao Camiño nos ámbitos da cultura, patrimonial ou de acollida.

“O criterio que nos fixamos é que fose unha experiencia 100% auténtica, como o é o Camiño, e que os participantes foran de orixe galega porque cremos que nós somos os mellores embaixadores”, sinalou Fernández-Tapias, quen destacou o obxectivo principal de achegar a experiencia do Camiño a públicos a priori alonxados da peregrinación e da cultura xacobea.

A Xunta quería chegar coa promoción do Xacobeo a todas partes e a todos os públicos.

Así o fixo con Xoel López para a campaña de Camiña a Galicia e agora con estes catro galegos. “O Xacobeo e o Camiño teñen que chegar a todas partes e cos cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia chegaremos aínda a máis xente. Agora, a través de Instagram, seguimos insistindo en todo o bo que ten que ofrecer Galicia como destino seguro e, xa que logo, o Camiño como Camiño Seguro”, indicou a delegada, que animou a aproveitar a oportunidade que supón a celebración deste dobre Ano Santo e o fenómeno xacobeo.