29 septiembre, 2021
A representante autonómica clausurou hoxe o Salvaterra Emprega, no que se formaron 20 desempregados en atención sociosanitaria, limpeza de superficies e mobiliario en edificios públicos e control de pragas durante os últimos 9 meses
A Consellería de Emprego e Igualdade dará continuidade á iniciativa noutra edición que comezará en outubro, con preto de 3 millóns de euros 9 obradoiros duais de emprego en 11 concellos da comarca, que suporán a contratación de 172 persoas
Vigo, 29 de setembro de 2021.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou hoxe xunto á alcaldesa Marta Valcárcel o obradoiro de emprego dual Salvaterra Emprega, que este ano formou a 20 persoas en atención sociosanitaria, limpeza de superficies e mobiliario en edificios públicos e control de pragas.
Tras felicitar aos profesores e alumnos polo traballo feito, a delegada aseverou que “a mellor política de emprego é a que aposta pola formación e adaptación dos traballadores aos continuos cambios do mercado laboral”. Fernández-Tapias, quen acentuou a importancia de mellorar a cualificación co obxectivo de incrementar a empregabilidade, animou ao alumnado, tras nove meses de formación, a aproveitar a oportunidade laboral que se lles está a brindar.
Na súa intervención previa a entrega de diplomas que acreditan a etapa formativa do alumnado do “Salvaterra Emprega”, destacou a tripla dimensión dunha iniciativa que fixa como obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas: mellorando a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolvendo actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.
Así, referiuse a nova convocatoria que arrancará o vindeiro mes de outubro e que permitirá a realización de nove obradoiros duais de emprego en 11 concellos da área territorial de Vigo. Estes obradoiros, aos que a Xunta de Galicia destina este ano preto de 3 millóns de euros, permitirán que un total de 172 persoas desempregadas da comarca viguesa se formen nun oficio.
Deste xeito, as persoas desempregadas que participen nestes programas, que desenvolven co financiamento autonómico os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.
Segundo indicou Fernández-Tapias, cada un deles ofrece formación e emprego a 20 persoas, que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e, ao finalizar etapa formativa, poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade. Ademais, tres dos nove obradoiros ofrecen incentivos á contratación en empresas da zona por un mínimo de 3 meses, o que axudará á inserción laboral de 42 persoas na comarca viguesa tras finalizar a súa etapa formativa.
En concreto, segundo detallou, Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor; Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño compartirán o taller Sustentable; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa; Moaña impulsará o Labora V; Redondela a segunda edición do Redondela Máis que Bela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Labora; o Concello de Vigo contará cunha nova convocatoria do Vigo Capacita; Mos terá o taller Somos Mos; e a Mancomunidade de Vigo un obradoiro forestal nos montes vigueses.
Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco talleres anunciados o pasado mes de xuño para formar a 80 mozos e mozas menores de 30 anos nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor, aos que o Executivo autonómico destina 1,8 millóns de euros na área territorial. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.
Alerta