25 agosto, 2021
“Os nenos da varíola”, candidata este ano a catro Premios María Casares, será representada este sábado, 28 de agosto, a partir das 22:00 horas no Auditorio Municipal de Mondariz
A obra inspírase na historia real de Isabel Zendal e os nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que participaron na primeira expedición médica da humanidade para expandir a vacina da varíola polo mundo
A intensa programación cultural de verán no Concello de Mondariz inclúe este último fin de semana de agosto o espectáculo teatral “Os nenos da varíola”, unha adaptación a escena da novela homónima de María Solar realizada por Pérez&Fernández, en coprodución co Centro Dramático Galego.
A obra inspírase no sacrificio histórico dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que a principios do século XIX participaron na Real Expedición Filántropica da Vacina baixo a dirección da enfermera Isabel Zendal, que era reitora da Casa dos Expósitos. Deste xeito, visibilízase a contribución destes nenos orfos no éxito da primeira expedición médica da humanidade, para expandir a vacina da varíola polo mundo, e contextualízase a figura de Isabel Zendal, popularizada durante o actual contexto de pandemia ao dar nome a empresas do sector farmacéutico e hospitais.
O espectáculo, que está programado para o 28 de agosto, comezará ás 22:00 horas. A entrada ao Auditorio Municipal, localizado nas instalacións do Centro Social de Mondariz, será libre e gratuíta até completar a cabida permitida.
Máis teatro en setembro.
O 24 de setembro, o Auditorio Municipal de Mondariz será escenario de “Bernarda”, outra obra dramática producida, neste caso, pola compañía Malasombra.
Trátase dunha historia próxima e universal que está inspirada no argumento de “La casa de Bernarda Alba”, escrita por Lorca en 1936: unha muller que queda viúva con fillas e decreta un rigoroso loito. A acción, no entanto, trasládase a Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, cando as ansias de cambio chocan coas tradicións máis arraigadas, como o loito. O choque interxeracional é un dos temas principais.
Ambos espectáculos forman parte do programa Cultura no Camiño e acumulan premios e recoñecementos. “Os nenos da varíola” é candidata este ano a catro Premios María Casares da Asociación de Actrices e Actores de Galicia, mentres que “Bernarda” foi a gran triunfadora da pasada edición dos Premios María Casares.
Alerta