A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (no centro) mostra un libro baixo o título: A vida e a fala dun pobo "A fala no tempo" nas instalación da Biblioteca Pública Municipal María Magdalena
2 diciembre, 2025
O Concello de Mos vén de recibir unha excelente nova: a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena foi distinguida no Concurso de Proxectos de Animación á Lectura María Moliner en municipios de menos de 50.000 habitantes, un dos máis prestixiosos do Estado que concede o Ministerio de Cultura a través da Dirección Xeral do libro, do cómic e da lectura.
A biblioteca mosense sitúase así entre as mellores de toda Galicia, un recoñecemento que avala o labor diario do persoal bibliotecario e o compromiso municipal coa cultura e coa lectura.
O proxecto presentado pola biblioteca, “Érase una vez… BPM María Magdalena”, converte este servizo municipal nun espazo vivo, participativo e aberto a todas as idades. Deste xeito, o seu proxecto de animación á lectura transforma a biblioteca nun lugar de encontro interxeracional. A través de obradoiros infantís, clubs de lectura para adultos e lectura fácil, concursos literarios, presentacións de libros, recitais e exposicións, foméntase o amor polos libros desde a infancia até a idade adulta.
Pola súa banda, a iniciativa “Achegamos a biblioteca á túa porta” garante un acceso inclusivo e universal á lectura. As actividades complétanse con campamentos de aventuras dixitais que integran creatividade e novas tecnoloxías. En resume, un proxecto que promove o diálogo, a participación e a lectura como experiencia compartida.
Ademais do recoñecemento, o premio leva asociado unha achega económica de case 3.000 euros destinada á compra de libros, que permitirá ampliar e renovar os fondos bibliográficos para seguir ofrecendo materiais actualizados e de calidade á veciñanza.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliña que “este premio é un orgullo para todo Mos e unha proba de que investir en cultura, educación e acceso á lectura é investir no futuro da nosa xente”. Tamén felicitou ao equipo da BPM María Magdalena pola súa ilusión, creatividade e capacidade para atraer novos públicos á lectura.
O Concello de Mos continuará apostando pola mellora dos servizos bibliotecarios e pola creación de actividades que impulsen a lectura como ferramenta de aprendizaxe, creatividade e convivencia.
Alerta