O Pleno do Concello de Mos aprobou esta mañá en sesión ordinaria do mes de xaneiro e por maioría dos seus membros, cos votos a favor do grupo de goberno e as abstencións de PSOE e BNG, a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación Provincial de Pontevedra, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais, GES.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas, informaron de que tras ser aprobada hoxe a adhesión ao convenio, iniciarase o procedemento de contratación dos novos traballadores.
Grazas ao devandito convenio, o Concello de Mos ve duplicado o número de traballadores do servizo, pasando de 6 a 12, un aumento de operarios que desde a administración local mosense levábase anos reclamando á Deputación de Pontevedra e que era enormemente necesario dado o alto volume de actividade do GES de Mos.
Este convenio ten por obxecto establecer o marco de participación e de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Mos, para o desenvolvemento das accións de asistencia en emerxencias e de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os anos 2024 e 2025, de xeito que se consiga unha maior eficacia en sinistros e na loita contra os lumes a través da optimización no uso de todos os recursos.
Para elo o Concello de Mos conta con subvencións concedidas polas diferentes administracións supramunicipais implicadas neste convenio, de cara a apoiar ao municipio
para asumir o custo total de 320.000 € do GES de 12 traballadores de Mos. Así, desde o Concello aportarase o 10% do total, e os importes das axudas do resto de administracións son os seguintes: Deputación 128.000 €, Dirección Xeral Administración Local 15.750 €, Consellería Medio Rural Extinción 145.821,43 € e Consellería Medio Rural Prevención 6.428,57 €.
Este Convenio de colaboración foi asinado o pasado 29 de decembro pola Xunta de Galicia, concretamente por Diego Calvo Pouso, vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, e José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; pola Deputación Provincial de Pontevedra, polo seu presidente, Luis López Diéguez e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), polo seu presidente, Alberto Varela Paz.