13 agosto, 2021
A obra consistirá na impermeabilización dun novo conxunto de nichos mediante unha única rede drenante.
O Concello de Mos ven de asinar un convenio de colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia para a acometida da segunda fase de mellora do Cemiterio Municipal de Gándara, na parroquia de Torroso.
A administración autonómica, que xa financiara a primeira fase realizada fai xustamente un ano –durante o verán de 2020-, subvenciona nun 80% esta segunda fase, cunha aportación económica de 11.650,44 euros.
A actuación proxectada para a segunda fase da mellora abrangue un conxunto de nichos con problemas de humidade e filtracións internas de auga, sendo a parte máis afectada a dos nichos en contacto co chan.
Agora actuarase nun conxunto de nichos ou panteóns diferente ao mellorado o ano pasado, polo que os traballos que se contemplan, son independentes dos xa executados o pasado verán, non gardando relación física entre eles, salvo pola natureza dos traballos e por situarse no mesmo Cemiterio Municipal.
Mediante as novas obras a acometer eliminaranse por completo as filtracións no citado conxunto de nichos, realizando labores de drenaxe consistentes na recollida e evacuación das augas pluviais que chegan ao terreo e que pola súa gravidade infíltranse nos paramentos traseiros do conxunto de panteóns, así como a auga da choiva a través da cuberta. Para elo proxéctase unha única rede que comprende os tres conxuntos funerarios construídos, e estará formada por: rede principal formada por un paquete drenante que discorrerá polas traseiras dos nichos. Conexión mediante pozos de rexistro e tubaxe de PVC dos tres tramos drenantes. Arquetas sumidoiro que recollerán as augas das cubertas dos tres conxuntos de panteóns. E impermeabilización das cubertas planas das tres edificacións.
Primeira fase
Durante a primeira fase da mellora do Cemiterio Municipal de Torroso acometeuse a impermeabilización superior de outros panteóns (cuberta) mediante a drenaxe de 3 grupos deles pola parte traseira dos mesmos. Un dos grupos de 75 metros cadrados de cuberta e os outros dous de 48 metros cadrados cada un. O orzamento investido naquela primeira fase da obra ascendeu a 25.000 euros, subvencionado íntegramente tamén pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, que en total entre as dúas fases fai un investimento de máis de 36.000 euros nestas instalacións municipais.
Alerta