Mos comeza a traballar no seu IV Plan Municipal de Igualdade

Compartir
IV Plan Municipal de Igualdade. Fonte: Concello

Faino coincidindo co mes da non violencia contra as mulleres, e iniciando o procedemento coa fase de avaliación mediante enquisas entre o persoal do Concello, e o tecido asociativo mosense.

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que desde o Concello, concretamente desde o departamento municipal de Benestar Social e o CIM, (Centro de Información á Muller de Mos), comézase a traballar no IV Plan de Igualdade e para elo a administración local mosense vai poñerse en contacto con todos os departamentos municipais e as asociacións co obxectivo de recabar datos que permitan establecer un baremo da situación das políticas de igualdade en Mos. O procedemento iníciase coincidindo co comezo do mes de novembro, mes da non violencia, ao conmemorarse o día 25 o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O Concello de Mos inicia este procedemento ante a finalización do período de vixencia do III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, aprobado en 2015 e prorrogado en Pleno no ano 2019, coincidindo ademais xustamente co 25N.

 

IV Plan Municipal de Igualdade. Fonte: Concello

 

O IV de Igualdade entra polo tanto en fase de avaliación, durante a que se vai levar a cabo a recollida de información co fin de facer unha diagnose da situación actual da igualdade no Concello de Mos, imprescindible para poder elaborar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Mos.

Para realizar a análise prevista durante esta fase inicial de avaliación, empregarase o método da enquisa, e para elo elaborouse unha ficha onde se establecen os indicadores que servirán para coñecer a realidade en relación coa igualdade e medir o impacto que tiveron as actuacións do III Plan de Igualdade.

Neste sentido as representantes muncipais Arévalo e Cebreiro declaraban esta mañá ao respecto que “a información e valoración que dende os departamentos do Concello, e as diferentes asociacións do municipio nos poden ofrecer é imprescindible para o coñecemento da realidade de Mos sobre o cumprimento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, polo que agradecemos enormemente a colaboración de todos os axentes sociais implicados, que nos achegarán unha información valiosísima”.

 

IV Plan Municipal de Igualdade. Fonte: Concello

 

O IV Plan de Igualdade Municipal conta con subvención do Servizo Provincial de Igualdade da Deputación no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021.

Este documento pretende servir de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral. Un documento marco que promova o cambio social de cara a obter repercusións reais, positivas e tanxibles, que dea continuidade ós precedentes elaborados tamén polo Concello e consiga progresivamente a igualdade real, a igualdade da práctica e non da teoría. A través deste Plan, e co máis óptimo aproveitamento dos propios recursos nun documento adaptado á idiosincrasia mosense, espérase beneficiar de xeito tanxible tanto á poboación como ó persoal do Concello no que a igualdade de xéneros se refire.