3 febrero, 2024
O mosense de 4º da ESO imparte en Primaria un Obradoiro sobre o Entroido tradicional mosense
Pese á súa curta idade Ismael Pato, alumno de 4º curso da ESO, xa conta cunha vocación e unhas dotes docentes e de investigación asombrosas. Durante toda esta semana estivo a impartir o seu Obradoiro EtroideaMos nos 5 colexios de Educación Infantil e Primaria de Mos, da man da concellería de Cultura e dentro do programa de actividades no horario lectivo organizado polo Concello de Mos.
Isma imparte o seu Obradoiro á cativada de Primaria compartindo con eles o seu coñecemento sobre o Entroido tradicional e a súa sabedoría. Durante as sesións desta semana Pato recibiu a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e a edil de Educación, Julia Loureiro.
EntroideaMos é un proxecto de divulgación cultural dos diversos entroidos galegos, entre eles o de Mos, que nace do traballo de investigación de Ismael Pato, alumno de 4º da ESO do IES de Mos. A idea de Isma é a de ENTROIDEAR, INVESTIGAR, RECUPERAR E DIVULGAR.
Este é un proxecto que nace no 2023 e que continua en constante crecemento, contando coa colaboración de moitas das asociacións dos diferentes entroidos da comunidade como a asociación etnográfica A Merdeira, de Vigo; MUGAE, Museo Galego do Entroido, Asociación Cultural de Cobres, Os Labregos de Trives…
Alerta