28 diciembre, 2024
– O Concello entrega máis de 70 galardóns a 40 clubes e máis de 30 deportistas individuais
– Os clubes deportivos mosenses suman 2.500 deportistas nas súas filas
– Homenaxeouse e púxose en valor todo o potencial deportivo mosense, tanto á canteira, como aos veteráns, cativos e maiores
Tamén estiveron presentes Óscar Pereiro, Carlos Cao, Director de Infraestructuras e Relacións Institucionais do RC Celta, Sergio Álvarez, conselleiro delegado do RC Celta e Terio Carrera, presentador deportivo da TVG
Onte pola tarde celebrouse no mosense Multiusos das Pozas a Festa do Deporte de Mos na que se rendeu homenaxe a máis de 70 galardoados: 40 clubes deportivos (que suman un total de 2.500 deportistas) e máis de 30 deportistas individuais, entre eles Patricia Martínez, que tamén exerceu como presentadora e mestra de ceremonias, Juan Ferrón, Soledad Castro, Verónica Romero, Susana Alonso…, e un longo etcétera de campioas, campións e equipos de todas as disciplinas deportivas.
Entre as devanditas disciplinas atópanse desde o Fútbol ata a Capoeira, Taekwondo, Boxeo, Hípica, Xadrez, Ciclismo, Natación, Atletismo, Alpinismo, Tenis de Mesa, Patinaxe, Deportes de Motor e Náuticos, Baile Deportivo, Petanca, Remo, Baloncesto, Balonmán… etc. Nesta multitudinaria celebración deportiva, amenizada musicalmente polo Grupo de Gaitas de Ruada e na que tamén actuaron o Club Deportivo Zusanli, as Escolas de Patinaxe de Mos e os Club de Patinaxe Artística XiraMos e Club de Patinaxe Artística Blossom, e o Grupo de Baile Lil Bang de Antía Caride; estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa, Camilo Grandal, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, e demais membros da Corporación Municipal. Unha nutrida representación da veciñanza mosense encheu o auditorio do edificio Multiusos para aplaudir e poñer en valor o labor de 40 clubes deportivos do municipio e de máis de 30 deportistas individuais.
Tratouse dun acto moi emotivo no que se homenaxeou a todo o potencial deportivo mosense, tanto á canteira, como aos veteráns, cativos e maiores… A gran familia do deporte de Mos estivo onte de noraboa.
Neste senso Arévalo, rexedora local mosense, declarou na súa intervención que “sempre digo que Mos é territorio de oportunidades, pero tamén é, indiscutiblemente, terra de deporte e de grandes deportistas; somos historia do deporte porque facemos historia con LA VUELTA. Por 3ª vez somos protagonistas de LA VUELTA: o vindeiro 2025 Herville será de novo meta dunha etapa da competición ciclista máis importante do país e unha das principais do mundo. Será a Etapa 16 Poio-Mos, o día 9 de setembro. Un fito que é posible en gran parte gracias a un dos máis grandes deportistas mosenses: Óscar Pereiro, historia viva do ciclismo e gañador do Tour de Francia no ano 2006. Tamén facemos historia celeste. Somos Celta, afouteza e corazón: con dous xogadores mosenses das parroquias de Guizán e Louredo que debutaron e triunfaron no RC Celta, e agora se atopan noutros equipos, como son Rubén Blanco e Brais Méndez. Co equipo feminino celeste: AS CELTAS, integrado polas nosas ABELLAS da Unión Deportiva Mos. Coa Cidade Deportiva do Celta en Pereiras e co futuro proxecto, pioneiro en Europa, Galicia Sports 360º. E facemos historia no deporte olímpico e no deporte adaptado co nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón, e coa xogadora do Club Tenis de Mesa Mos, Martina Sande”, destacaba a alcaldesa. Quen tamén apuntaba que “Mos é terra de deporte con maiúscula. De deportistas de primeiro nivel. Non hai mes que non recibamos no Concello a un deportista ou clube, ou varios, para felicitalos polos seus novos logros deportivos que son tanto de índole provincial como autonómica, nacional e incluso internacional”. Tamén abordou Nidia Arévalo a importancia e as bondades da práctica deportiva, salientando que “o deporte fainos mellores persoas. Fomenta o compañeirismo. A solidariedade. A convivencia. O traballo en equipo. A empatía. O esforzo. A superación. A resiliencia… Valores todos que contribúen a construír unha sociedade mellor. A ser un Mos mellor”. E concluiu reafirmando o compromiso do Concello de Mos co deporte e cos seus deportistas.
Alerta