Música este sábado en Loureza e Pedornes para celebrar San Mamede

Compartir

Oia encherase de música o próximo sábado, coincidindo coa celebración de San Mamede, patrón das parroquias de Loureza e Pedornes. No marco desta festividade, o Concello programa senllas actividades: Loureza acollerá a actuación da Banda de Música da Vertula, mentres que en Pedornes terá lugar un concerto solidario de Antonio Seijo.

A primeira das citas será a da Banda de Música da Vertula (Meis) en Loureza. Celebrarase na Praza ás 13.30 horas, xusto despois da misa en honra do patrón. Seguindo os protocolos de prevención fronte á COVID-19, as prazas serán limitadas ata completar aforo, o público permanecerá sentado durante o recital e o uso de máscara será obrigatorio.

Esta actuación enmárcase dentro do programa “O País das Bandas”, promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares. A Escola e Banda de Música da Vertula de Paradela (Meis) ten gañado diversos certames musicais nos seus máis de 30 anos de historia. Ademais do repertorio tradicional, actualmente a agrupación está a introducir outros tipos de música: desde bandas sonoras de películas ata música pop e rock.

Tamén no día de San Mamede, pero en horario de tarde, terá lugar un recital do músico Antonio Seijo, quen actuará na parroquia de Pedornes acompañado polo seu grupo.

Violinista con máis de 30 anos de experiencia en escenarios de todo o mundo, Antonio Seijo ofrecerá este sábado un concerto moi especial, pois será solidario con Médicos sen Fronteiras.

A cita será ás 20.30 horas no Eirado de Pedornes e, ao igual que na actuación programada en Loureza, o aforo será limitado. Así mesmo, o público deberá permanecer sentado e será obrigatorio o uso de máscara, seguindo todos os protocolos de prevención fronte á COVID-19.