17 noviembre, 2025
O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. “É un modelo de selo musical expandido: a produción física, o acceso dixital e a participación social intégranse coa promoción do talento emerxente local”, apunta o artista.
O proceso arranca coa gravación directa en vinilos con bandas emerxentes. “Lonxe de semellar nostálxicas, falamos de prácticas resistentes que se resignifican fronte á homoxeneidade do streaming”, expón Cancelo. Estas gravacións lévanse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar unha peza “única e limitada, tanto a nivel artístico como sonoro, sen favorecer a sobreprodución”.
En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunha plataforma dixital. “ANALOGIK DREAMS non só estimula a economía circular cultural arredor da música, o deseño ou a cerámica, senón que posiciona a Galicia como referente no eido da innovación artesá e sonora a nivel europeo”, asevera o responsable do proxecto.
Inicio da residencia artística e gravacións ao vivo en Río Lagares
Logo de numerosos meses de traballo e investigación, ANALOGIK DREAMS comeza ser unha realidade co inicio, esta semana, do seu programa de residencias artísticas. Da man do musicólogo Aleks Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro, no que se fará efectiva a gravación sobre o soporte físico.
Precisamente ao longo destes días realizaranse tres gravacións con bandas e solistas do país que estarán abertas ao público, a fin de dar a coñecer desde a proximidade esta proposta e poñer en marcha unha das ideas chave do proxecto, como é favorecer os espazos de escoita colectiva e a xeración de comunidade.
A primeira delas terá lugar este xoves 20, ás 20.00 horas, e chegará da man de Clo Plas, o proxecto artístico de Xiana Arias e Berio Molina que explora a oralidade da montaña de Lugo con música experimental e midi. A seguinte gravación sobre cerámica será a d’Os Lindes (o dúo conformado polo compositor Marco Maril -Apenino- e o cineasta Álex Cancelo) o xoves 27, tamén ás 20.00 horas e, finalmente, o sábado 29 será a quenda da música e investigadora lucense arredor da tradición oral e a experimentación coa gaita, Carme López.
ANALOGIK DREAMS
Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica
Do luns 17 ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.
Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)
Gravacións abertas ao público (ata completar capacidade)
– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS
– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ
Fotografías e vídeos do proceso
https://drive.google.com/drive/folders/17URsp16uKF15TYWwosxKLim95qJiXl1P?usp=sharing
Alerta