5 noviembre, 2021
Hoxe comeza a venda de entradas para ambos concertos. Dulce Pontes presentará o seu novo show “Fascinaçao Tour” o 18 de decembro e Nacho Vegas o seu novo álbum “Mundos Inmóviles derrumbándose” o 12 de febreiro.
O alcalde anunciou en rolda de prensa que Dulce Pontes e Nacho Vegas subirán ao escenario do Auditorio Mar de Vigo o 18 de decembro e o 12 de febreiro, respectivamente. Caballero sinalou que “seguimos neste proceso de música permanente” xa que os concertos súmanse aos xa anunciados de Los Zigarros o 4 de decembro, Love of Lesbia o 11, Mikel Erentxun o 22 de xaneiro e The Eels o 12 de abril.
‘Mundos inmóviles derrumbándose’ é o álbum que Nacho Vegas lanzará a principios do ano que vén seguido dunha extensa xira coa que parará no Mar de Vigo o 12 de febreiro, e na que ademais, se verá ben arroupado sobre o escenario por unha nova e sólida banda. Unha estimulante combinación de sons interpretada maxistralmente pola banda que gravou as novas cancións: Ferran Resines, Hans Lagoa, Joseba Irazoki e Manu Molina, a quen se sumará no directo Juliane Heinemann. O primeiro adianto, ‘La flor de la manzana’, é un tema que abre unha nova etapa do artista na que nos toparemos con sons e ritmos inesperados, pero coa mesma mestría lírica que xa coñecemos.
O 18 de decembro, Dulce Pontes regresa a Vigo para presentar ‘Fascinação Tour’, un show co que rendirá homenaxe aos que foron algúns dos seus principais referentes musicais, como a gran mestra Ellis Regina, a cantante coa que máis se identifica, a gran Amália Rodrigues ou o seu grande referente no xénero portugués por excelencia, o Fado. Por último, e como non podería ser doutro xeito, Dulce tamén fará un aceno ao que ten sido o seu gran mestre, mentor e, por enriba de todo, amigo: o grande compositor Ennio Morricone.
Alerta