Natureza e teatro protagonistas das propostas de lecer da Deputación para esta fin de semana

Compartir
Natureza. Fonte: Deputación

A institución provincial ten programadas ata o domingo seis actividades teatrais e un “Voando nas Rías Baixas” en Soutomaior, O Grove, Nigrán, Mondariz e Mos.

 

A aposta da Deputación de Pontevedra pola cultura segue adiante e, con ela, a súa interesante oferta de lecer, que esta fin de semana leva actividades a cinco concellos da provincia. Serán Soutomaior, O Grove, Nigrán, Mondariz e Mos os que acollerán, ata o domingo, un total de oito citas nas que a natureza e o teatro serán os protagonistas indiscutibles. Enmarcadas nos programas provinciais “Tornar as Táboas”, “Visitas teatralizadas” e “Voando nas Rías Baixas”, constitúen unha interesante proposta para todos os rangos de idade.

“Tornar as Táboas”, a última declaración de ánimo e vontade da Deputación para que o teatro retome a súa actividade nos escenarios de auditorios e centros culturais da provincia, ten dispoñibles, de venres a domingo, un total de catro funcións. A primeira terá lugar no Grove este venres 22, ás 18.00, con Cinema e historias da man de Alice Guy, a cargo de Raquel Queizás. O sábado 23, ás 20.00, Nigrán gozará de Top Manta, da man de Fulano, Mengano e Citano. Por último, o domingo 24 pola tarde, celebraranse as dúas últimas actuacións da fin de semana. Ás 18.00, en Mondariz, será a quenda de Laia, aprendiz de maga, de Animar-T Teatro e, ás 20.30 en Mos, a de Feminíssimas, de Stephanie_De Ste Xeito Produc.

Pola súa banda, o Castelo de Soutomaior continúa a súa programación especial para celebrar o Samaín coas súas “Visitas teatralizadas”, dirixidas ao público familiar e a adulto. As primeiras contarán con dous pases o domingo, un ás 12.00 e outro ás 16.30, e somerxerá aos/ás seus asistentes/as en múltiples xogos e probas nas que o “Alemanote”, a pantasma do Castelo, estará moi presente. No caso das visitas dirixidas ao público adulto, terán lugar o venres 22 ás 20.00, e consistirán nun percorrido no que os e as participantes estarán acompañados/as dun actor e unha actriz que interpretarán a personaxes do máis alá e non farán máis que “entorpecer” o seu terrorífico camiño.

Finalmente, “Voando nas Rías Baixas” chega este domingo ao Complexo Intermareal Umia – O Grove. Sen dúbida, este espazo protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional é o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes. Destaca pola súa diversidade e a súa cantidade, pois son máis de 18.000 aves acuáticas as que pasan os meses fríos nesta reserva, e tamén por constituír a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego do cullereiro. Os e as súas asistentes poderán gozar das concentracións de limícolas coma gabitas, virapedras, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de parrulos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza.