11 septiembre, 2021
A Concellería de Promoción Económica traballa xa na nova campaña que se lanzará no mes de novembro, para dinamizar as ventas relacionadas coas festas.
Como nas tres edicións anteriores, volverán a emitirse 3.750 packs de bonos que o Concello subvenciona con 37.550 euros.
A medida posta en marcha para axudar ao comercio e á hostalaría a recuperarse da crise sanitaria, logrou inxectar á economía local máis de 600.000 euros nas tres edicións xa realizadas.
A campaña de bonos-compra “Son da Casa!” terá unha nova edición de cara ao Nadal. Ante os beneficios que esta iniciativa está a demostrar no conxunto da economía local, a Concellería de Promoción Económica traballa xa na preparación da campaña que está previsto lanzar no mes de novembro co obxectivo de dinamizar a temporada de ventas do Nadal, a máis forte do ano tanto para o comercio como para a hostalaría. Como nas tres edicións anteriores, o Concello investirá 37.550 euros para subvencionar os 3.750 packs de bonos que se emitirán ao prezo de 20 euros e que permitirán facer compras por importe de 30.
Esta será a cuarta edición dos bonos “Son da Casa!” que pon en circulación o Concello de Vilagarcía. A reedición desta iniciativa pensada para contribuír á recuperación da economía local, tras os peches motivados pola pandemia, conta co aval dos excelentes resultados que tiveron as tres campañas anteriores que, sumadas, xeraron un volume de negocio entre o sector comercial, de pequenos servizos e da hostalaría, por importe superior aos 600.000 euros.
A esta medida hai que engadir outras accións complementarias postas en marcha polo Concello para facilitar a recuperación dos sectores máis afectados, como as axudas directas ao comercio e á hostalaría, así como outras iniciativas de efecto dinamizador como o Mercado de Nadal, os xardíns efímeros, o EspaVila! ou o Vilagarcía Cidade de Libro, eventos todos que buscan crear ambiente nas rúas, atraer xente á vila e animar a que consuman en Vilagarcía.
No que á cuarta campaña dos bonos “Son da Casa!” se refire, dende a Concellería de Promoción Económica invitan aos comerciantes e hostaleiros que aínda non se teñan adherido á campaña, a que se sumen á mesma para poder beneficiarse das ventas que os consumidores fan cos bonos subvencionados. Para inscribirse, simplemente teñen que dirixirse á Concellería través do teléfono 986 099 200 extensión 218 e 219, ou escribir un correo ao enderezo tle@vilagarcia.gal
Na campaña de primavera verán contábase xa con algo máis de 200 negocios participantes, pertencentes a unha ampla gama de ramas comerciais.
Alerta