Novo paso da Deputación na senda da sustentabilidade, coa posta en marcha dos manuais de boas practicas sostibles no ámbito turístico

Compartir
Manuais de boas prácticas sostibles. Fonte: Deputación

Na web de Turismo Rías Baixas están xa dispoñibles os manuais dirixidos a establecementos turísticos, axencias de viaxes, oficinas de turismo, guías e turistas.

 

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos na senda da sustentabilidade coa posta a disposición de entidades do sector turístico de Manuais de Boas Prácticas Sostibles. Así, a web de Turismo Rías Baixas ten xa a disposición de establecementos turísticos, axencias de viaxes, oficinas de turismo, guías de turismo e turistas tres manuais de fácil consulta con recomendacións, medidas e ferramentas de protección medioambiental, baseadas nos 17 ODS establecidos na Axenda 2030, no Código Ético Mundial, para o Turismo da OMT e na Carta Mundial de Turismo Sostible ST+20, para que o territorio provincia de Pontevedra sexa un espazo sostible, competitivo e diferenciado.

Os Manuais de Boas Prácticas que a Deputación pon a disposición do sector pretenden axudar a planificar a estratexia de empresas e entidades, introducindo como factor de mellora a protección do medio ambiente. Tamén axudan mediante consellos e recomendacións a controlar aspectos ambientais, minimizando a produción de residuos, facilitando a reciclaxe, empregando eficientemente a enerxía e a auga, xestionando adecuadamente os transporte, impulsando a compra responsable de produtos e materias primas e minimizando o efecto ambiental das emisións atmosféricas, ruídos e verteduras de auga.

No caso concreto do Manual de Boas Prácticas Sostibles dirixido aos establecementos turísticos, ten por obxectivo orientar ás empresas e profesionais de establecementos turísticos sobre melloras ambientais, e sociais que permitan consolidar os seus locais e actividades como os e as máis sostibles posibles. Pola súa banda o Manual de Boas Prácticas Sostibles para axencias de viaxes, oficinas de turismo e guías turísticos, pretende axudar a organizar viaxes enriquecedores e sostibles, que aposten por manter unha contorna ambiental, natural e patrimonial máis coidada e atractiva tanto para turistas como para a poboación local.

Finalmente, o Manual de Turismo Responsable, contén unha serie de consellos para axudar a que as persoas que se achegan á provincia de Pontevedra gocen do destino coidándoo, sen deixar rastro da súa pegada, respectando á xente e ás súas tradicións, valorando o auténtico, divertíndose e elixindo servizos comprometidos coa sustentabilidade.

Os Manuais de Boas Prácticas Sostibles enmárcanse no Plan Estratéxico de Turismo 21-23, e no Plan de Sustentabilidade de Turismo que aprobou a Deputación o pasado ano. A través deste plan preténdese crear un modelo turístico integrado e axeitado á Axenda 2030; planificar o turismo en base ás necesidades do territorio, as persoas e o sector público e privado; avanzar na implantación de medidas concretas desde a sustentabilidade social, económica e ambiental; xerar un turismo ordenado que fomente a creación de riqueza de modo equilibrado e implicar á poboación local, e á xuventude nun escenario de continua evolución nas tendencias de consumo.