Novo plan de choque da Deputación para reactivar a Provincia, que o próximo ano porá 73 millóns de euros a disposición dos Concellos

Compartir
Rolda de prensa. Fonte: Deputación

O goberno incrementa o Plan Concellos de 2022 ata os 43 millóns de euros, aumento que manterá no Plan do ano seguinte, e anticipa xa aos municipios os 30 millóns da Liña 1 do Plan do 2023.

 

Consolidar a recuperación económica nos Concellos da provincia e inxectarlles maiores recursos para que poidan enfrontar o acceso aos fondos europeos, como principal ferramenta da reactivación, son os dous principais obxectivos da decisión da Deputación de Pontevedra, que o ano que vén porá á disposición dos municipios 76 millóns de euros co Plan Concellos.

O Plan 2022 incrementarase ata os 43 millóns de euros, aumento que se manterá ao ano seguinte, e será bianual para poder adiantar a este próximo ano os 30 millóns da Liña 1 de investimentos do 2023. Así o confirmaron hoxe o Vicepresidente Provincial, César Mosquera, e o Deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, que cualificaron estas medidas como “un auténtico plan de choque para impulsar a reactivación, xerar actividade económica e crear ou manter emprego”.

O Vicepresidente César Mosquera fixo fincapé en que a Deputación segue a facer esforzos para financiar os Concellos que, segundo as súas contas, poderán recibir para o vindeiro ano 93 millóns de euros ao sumar tamén os fondos do ReacPon, “unha cantidade económica francamente elevada”, cualificou. Mosquera explicou que a decisión de aumentar o Plan Concellos xa se barallara para os orzamentos do ano en vigor (2021), mais non fora posible polas malas previsións de ingresos sobre as transferencias do Estado, xa que incluso cabía a posibilidade de ter que devolver cartos logo da liquidación final, “o que deixaría esta casa abaneando”. “Para este ano fomos prudentes e recorremos a crédito cando se puido, pero agora cambiou o marco e retomouse a idea: podemos permitir que os Concellos poidan facer no 2022 obras a conta do 2023”, apuntou.

 

Rolda de prensa. Fonte: Deputación

 

Pola súa banda, o responsable de Cooperación, Santos Héctor, lembrou que “o Plan Concellos é o instrumento de investimento máis potente que esta Deputación tivo nestes anos para transformar a provincia, e cremos que esta nova inxección económica vai ser moi importante para revitalizar os Concellos”. O deputado recordou que o Plan está a ser a principal canle de transferencias aos municipios, “nas que a Deputación é líder de todo o Estado”, e que tras seis anos de goberno, “non hai Concello de ningunha cor que discuta esta iniciativa que respecta a autonomía local, trata os concellos como maiores de idade e supón investimentos feitos con criterios obxectivos, con equidade e con parámetros técnicos”, tras destacar tamén que xa é “un modelo para outras Administracións”.

Santos Héctor sinalou que a mellor proba son os datos obxectivos e cualificou como “sobresaínte” o balance do Plan Concellos, que supuxo a transferencia de 252 millóns de euros aos municipios, cun total de 2.721 obras executadas. Amais, financiáronse centos de actividades sociais, culturais e deportivas amais de operacións de gasto corrente, pago a provedores e amortización de débeda, e creáronse 5.093 postos de traballo nos concellos. “Polo tanto, dixo, cremos que fixemos un moi bo traballo con esta decisión. A política deste Goberno ten como obxectivo mellorar a vida da xente, e o que queremos é seguir transformando os Concellos e a provincia a través destas medidas para abordar estes vindeiros anos a reactivación económica, consolidar e mellorar o emprego e crear novos postos de traballo”.

Sobre a polémica co PP, o Vicepresidente Mosquera salientou que a presentación do Plan de Reactivación estivo traballándose nas últimas semanas, nas que se chamou ao portavoz ‘popular’ para sumar os seus apoios. “Tivemos varias reunións para compartir o plan. Nós non queremos protagonismo, se imos xuntos e xuntas mellor. Tiñamos todo acordado e incluso falado comparecer os tres portavoces xuntos (…), pero fixeron unha xogada bastante absurda e onte ao final o portavoz do PP descolgouse”, apuntou, para preguntarse polas razóns do cambio de estratexia do PP.