9 diciembre, 2021
David Regades: “A democracia interna no Partido Socialista continúa e agora toca o proceso de renovación na provincia máis socialista de Galicia”
O secretario xeral provincial, que confirma a súa vontade presentarse á reelección, reúne á súa Executiva para anunciar o calendario
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra inicia o proceso para a renovación democrática dos seus órganos colexiados. O secretario xeral provincial, David Regades, presidiu hoxe a Executiva na que deu a coñecer o calendario de cara ao 4º Congreso Provincial, que se celebrará durante as xornadas do venres, 11 e sábado, 12 de febreiro.
“A Democracia interna no Partido Socialista, que este fin de semana pasado impulsou a celebración do Congreso Nacional, continúa coa seguinte etapa e agora toca este proceso provincial, que agardo que sexa enriquecedor e nos sirva tamén para celebrar a forza do noso partido na provincia máis socialista de Galicia”, afirmou Regades.
O Comité Provincial, máximo órgano do partido entre congresos, celebrarase así este domingo, día 12, a partir das 12 horas na finca Batacos de Salcedo (Pontevedra). O prazo de presentación de candidaturas á Secretaría Xeral provincial será entre o 21 e o 22 deste mes de decembro. A recollida dos avais estará habilitada entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro. A campaña de información á militancia terá lugar entre o 8 e 22 de xaneiro. Para o caso de que haxa máis dunha candidatura a xornada de votación queda fixada para o 23 de xaneiro, domingo. Finalmente, o Congreso de principios de febreiro elixirá aos integrantes da nova Dirección provincial.
David Regades xa comunicou, e así o reiterou hoxe durante a xuntanza da Executiva provincial, a súa vontade de volver presentarse para seguir dirixindo o Partido Socialista na provincia durante os próximos catro anos.
O secretario xeral concluíu que o proceso de renovación culminará cos congresos locais e que o partido xa está ocupado dende hai meses na organización e preparación das próximas Eleccións Municipais co obxectivo de revalidar a vitoria do ano 2019, que permitiu acceder a 23 Alcaldías e gobernar a 2/3 da veciñanza da provincia de Pontevedra.
Alerta