O 73 % das crianzas pontevedresas acoden a pé até os seus centros escolares

Compartir
Camiños. Fonte: Concello

Trátase dunha porcentaxe superior a recollida no ano 2013, cando ían andando o 66 % dos nenos e nenas do municipio.

Alén de aumentar o cómputo total, tamén aumentou en varios puntos a porcentaxe de alumnado que vai só até á súa escola.

 

Hai xa máis dunha década que o Concello de Pontevedra quixo promover a autonomía de seu entre os nenos e nenas do municipio á hora de ir andando até os seus centros escolares. Ben acompañados, ben sós, as crianzas pontevedresas adquiriron esa competencia e comprobaron que podían acudir deste xeito sen maiores riscos. Hoxe, aquelas primeiras promocións nas que se fixo fincapé para que apostaran pola súa autonomía xa están na Universidade, algunhas, mesmo, xa están por rematar os seus estudios superiores.

No ano 2013, a través dunha enquisa realizada polo Concello, estimouse que o 66 % de nenos e nanas da cidade acudían á escola a pé. Hoxe, no 2021, a cifra incrementouse até o 73 %, o que dá unha idea do pouso de seguridade e comprensión do espazo público que ten a cidade a día de hoxe. «Os nenos de Pontevedra seguen indo andando a escola? Era unha pregunta que nos fixemos hai uns meses e que agora podemos responder cun si», comentou Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade. «A nova enquisa, realizada en seis CEIPs de Pontevedra recolle as respostas de máis de mil nenos e nenas», continuo Gómez, que tamén agradeceu a colaboración dos mestres e mestras á hora de distribuír e mover as enquisas nas aulas.

O edil de Mobilidade destaca que os datos son positivos, máis aínda se son tidas en conta as circunstancias especiais da pospandemia, onde a sociedade percibiu certos retrocesos ou atrasos en diversos factores das súas vidas, como a limitación de movementos ou un incremento na protección das crianzas nesta tempada. «As cifras que manexamos en Pontevedra neste sentido non son contempladas en ningún plan de mobilidade urbana de ningunha cidade», explicou Gómez. «Hoxe mesmo, na facultade Agora, unha experta falaba de como calmar o tráfico na contorna das escolas… Aquí xa temos toda a cidade calmada e os nenos poden ir a calquera escola a pé».

Outro dato a destacar sae ao comparar as cifras entre o alumnado que camiña só até a escola e o que vai en vehículo. É o mesmo, un 27 % do total para ambas as dúas opcións, baixando dun 33 % a un 27 % en menos dunha década a opción do vehículo, que inclúe o transporte escolar ou o vehículo privado. «Hai que pensar que nalgúns casos é difícil acadar máis melloría, pois hai factores como a escolla do centro por parte das familias que fan imposíbel, ás veces, o traslado a pé desde o fogar».

Para Gómez, o estudio demostra que o cambio de mentalidade que se produciu na cidade ao longo destes anos é o que posibilita que os nenos e nenas vaian andando ás escolas, ocupen as prazas e xoguen na rúa, sendo toda a comunidade parte responsábel da súa educación e protección. «Debemos pensar que moitos destes nenos que en outubro foron preguntados non estaban nin na escola cando o Concello decidiu optar por outro proxecto distinto ao de Camiños Escolares, que foi o de buscar unha maior autonomía para cada crianza. Melloramos as cifras pero máis que cun proxecto específico dirixido aos nenos, facémolo cun proxecto global de cidade que inclúe a mobilidade, as actividades na rúa e outras moitas cousas. E, ademais, foi quen de superar una pandemia que botou moitas cousas para atrás. Esta non».

 

Pontevedra continúa a avanzar na formulación do seu PMUS

O PMUS, Planes de Movilidad Urbana Sostenible, continúa a súa redacción dentro do Concello de Pontevedra. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou esta mañá que está a traballar neste documento que esixe a Lei de Mobilidade Sustentábel e Cambio Climático para antes do ano ano 2023.

Segundo explica Gómez, desde o Ministerio prescriben unha serie de obxectivos aos que hai que atender. «Para nós esta tarefa é moi complexa, non é simple, porque a maior parte dos obxectivos que se formulan nestes documentos, Pontevedra xa os ten conseguidos. Por exemplo? A redución da violencia viaria, a redución de emisión de gases, a calidade de aire, redución de usos do vehículo privado, temos aparcadoiros de borde…», sinala o concelleiro. «Incluso temos documentos que recollen todos estes elementos, sexan ordenanzas, libros, plans, estratexias… porén, temos que redactar este novo documento, e polo tanto Pontevedra está agora nunha revisión da estratexia de mobilidade para a actualización e redacción do PMUS do noso Concello».

O PMUS pontevedrés terá catro apartados fundamentais: unha diagnose da situación actual logo destes anos; unha formulación de novos obxectivos, máis ambiciosos dos mínimos que nos esixen; unha selección de medidas concretas para Pontevedra e a definición de indicadores para saber se estamos ou non cumprindo.