O Alcalde anima á cidade a manifestarse en defensa da sanidade pública

Compartir
A reunión tivo lugar na sala de xuntas da Alcaldía de Vigo. Fonte: Concello

Ao remate dunha reunión con representantes da Xunta de Persoal, Abel Caballero chamou a sumarse á mobilización convocada polos profesionais sanitarios para este xoves, 30 de setembro, ás 20 horas desde o PAC de Pizarro. “É fundamental que defendamos a sanidade pública, a atención primaria e hospitalaria”, argumentou.

 

O Alcalde agradeceu á Xunta de Persoal do Sergas a organización desta manifestación en defensa da sanidade pública ante a “xestión calamitosa” que a Xunta de Galicia está a facer na cidade. Caballero censurou a “falta de persoal” existente, sometido amais a “demasiada tensión” por parte da Administración Autonómica, ao ter que asumir “cuestións que van máis aló da súa obriga” profesional: “Agradezo ao persoal o seu esforzo”, engadiu.

“É importante que demostremos á Xunta de Galicia que a sanidade pública en Vigo ten unha gran defensa na cidadanía”, afirmou o Alcalde, quen trasladou o chamamento público, a que este mércores, ás 20 horas, desde Pizarro ata o farol de Urzáiz, “esteamos reclamando o noso dereito á atención sanitaria”.

Abel Caballero acusou ao Goberno presidido por Núñez Feijóo, de “esnaquizar” o servizo de saúde, e valorou a manifestación deste xoves para “demandar sanidade pública e a atención primaria que os profesionais queren dar, a que a Xunta de Galicia nega á cidade de Vigo”.