O alcalde dialongado con membros da plataforma SOS Sanidade Pública. Fonte: Concello
4 noviembre, 2021
A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro domingo 14 de novembro.
Miguel Anxo Fernández Lores afirma que, «non se están a destinar cartos suficientes» e denuncia ,«un deterioro sistemático do sistema sanitario».
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá un encontro coa plataforma SOS Sanidade Pública co obxectivo de conversar e dialogar sobre a situación actual da sanidade pública, poñendo o foco de xeito especial na Atención Primaria galega.
Logo de compartir experiencias e puntos de vista, o alcalde, xunto co médico Manuel Martín e o presidente da Federación de veciños Castelao, Juan Manuel Loureiro, deron conta das conclusións deste diálogo, amais de lembrar a proximidade da manifestación convocada para o día 14 de novembro en Santiago de Compostela, ás 12 horas.
Miguel Anxo Fernández Lores garantiu o apoio do Goberno municipal a nomeada manifestación, facéndolle un chamamento á opinión pública para que se manifeste, «porque creo qeu estamos a falar dun servizo público absolutamente básico para todos».
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con Manuel Martín e Juan Manuel Loureiro, ademais doutros membros da plataforma SOS Sanidade Pública.
«O que hai detrás de todas estas decisións políticas, de adicar máis ou menos cartos a potenciar un servizo básico é o favorecemento da medicina privada», sinalou o alcalde de Pontevedra, logo da intervención de Manuel Martín onde comentou a redución do orzamento dedicado para Sanidade pola parte da Xunta. «Doutra banda, hai xa moitos anos que se vén producindo un deterioro sistemático do sistema sanitario, evidenciado durante a pandemia. É un problema estrutural. Non se está a destinar cartos suficientes á sanidade pública, e especialmente á Atención Primaria, que é o primeiro filtro en asistencia sanitaria. Xa non falemos de medicina preventiva».
O rexedor da Boa Vila comentou tamén o necesario que é investir en sanidade, lembrando que os que máis sofren cando esta non funciona de xeito correcto son os sectores máis vulnerables da sociedade. «É unha decisión política, e nós non diremos que as cousas poden ser resoltas sen máis, pero o que se está a facer agora, non xa de abrir centros, senón de pechar centros… Galicia ten un problema grave de dispersión da poboación. Como vai quedar a xente no rural se non ten os servizos mínimos educativos, sanitarios e sociais para vivir alí?».
Lores agarda que a manifestación do día 14 sirva como unha chamada de atención ao Goberno da Xunta, para priorizar o investimento nos servizos públicos básicos «se queremos unha sociedade máis xusta e máis solidaria».
Alerta