O alcalde cifra en catro millóns adicionais o que Vigo recibirá do Plan de Recuperación e Resiliencia

Compartir

Abel Caballero valorou onte en clave local a terceira Conferencia sectorial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, presidida este luns pola ministra de Facenda. As medidas anunciadas significarán para a cidade outros catro millóns só neste ano.

En rolda de prensa, o alcalde e presidente da FEMP deu conta das decisións emanadas da terceira reunión da conferencia sectorial, que se traducen na posibilidade de establecer plans plurianuais no ámbito europeo, de incluír o IVE e tamén os gastos de persoal e de asesorías técnicas.

Só nos cinco meses que lle restan ao presente ano, estas medidas suporán catro millóns de euros para Vigo, segundo avanzou Abel Caballero. O alcalde recordou que esta cantidade se engade aos 34,5 millóns saídos do Pleno da Comisión Nacional de Administración Local, celebrado a pasada semana tamén coa participación do alcalde vigués. “E despois”, engadiu, “haberá que meter a suma de todos os proxectos europeos nos que Vigo recibirá ducias de millóns de euros”.

“Estamos satisfeitos”, concluíu o alcalde: “Vemos que, como cidade, estamos sendo contemplados nos plans europeos, no programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España”.