O alcalde, “convencido” de que a Xunta cumprirá cos seus compromisos con Vilagarcía

Compartir
Alberto Varela. Fonte: Concello

A estación intermodal, a depuradora, os tanques de tormenta, o pavillón de deportes, o centro de saúde e o albergue de peregrinos figuran na lista de acordos.

“Dáme igual que sexa con fondos propios ou con transferencias do Estado ou de Europa”.

 

Alberto Varela, está “convencido” de que a Xunta cumprirá os seus compromisos coa cidade, con independencia de que eses compromisos teñan “nome propio” ou non nas partidas do Presuposto da comunidade autónoma para o 2022. O rexedor lembrou, por exemplo, os acordos entre as dúas administracións para desenvolver a estación intermodal, a ampliación e mellora da estación depuradora, a construción de dous tanques de tormentas na desembocadura do río do Con, a rehabilitación do pavillón de deportes de Fontecarmoa, o centro de saúde ou o albergue de peregrinos. Moitos deses acordos implican compromisos previos do concello, como a compra dos terreos para os tanques, o acordo co Porto para liberar a antiga comandancia como solar do futuro centro de saúde, a aportación de dous terzos do custe do arranxo do pavillón de deportes ou a construción do propio albergue.

“A min dáme igual que eses proxectos figuren con nome propio nos Presupostos ou que se asuman despois a través de partidas xenéricas; que o fagan con fondos propios ou ben con transferencias do Estado ou con fondos europeos, do que estou seguro é de que a Xunta de Galicia vai cumprir os seus compromisos con esta cidade e os seus cidadáns”, conclúe Varela Paz.