28 noviembre, 2024
O Goberno galego considera fundamental a unión de representantes políticos, institucións, entidades empresariais, autoridades portuarias e outros actores do tecido social e económico de ambos lados da fronteira, como xa se fixo coa sinatura en xullo dun manifesto a favor desta conexión
O alcalde da cidade portuguesa do Porto, Rui Moreira, confirmou a súa presenza no acto cívico impulsado pola Xunta como fronte común para reivindicarlle ao Goberno central os avances na saída sur de Vigo e as demais infraestruturas pendentes para cumprir os compromisos da conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal.
O obxectivo é impulsar unha fronte común que permita reunir institucións, entidades empresariais, autoridades portuarias e outros actores do tecido social e económico de ambos os lados da fronteira, como xa se fixera o pasado xullo coa sinatura dun manifesto a favor desta conexión na localidade portuguesa de Valença do Minho. Nesta liña, para o Goberno galego é fundamental sumar tamén o conxunto dos representantes políticos da área implicada na conexión, deixando fóra calquera tipo de discrepancia.
Trátase así de urxirlle ao Executivo estatal a que defina un plan de investimentos e un calendario de actuacións co obxectivo de impulsar a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e a fronteira portuguesa.
Ante a confirmación da presenza do alcalde de Porto no acto, cómpre lembrar que esta infraestrutura xa foi considerada prioritaria en distintas cimeiras ibéricas entre España e Portugal e que o Goberno portugués sempre apostou claramente pola conexión entre Vigo e Porto.
A chamada da Xunta a esta reivindicación conxunta baséase en que co actual estado da tramitación, as obras da saída sur de Vigo non estarían rematadas e non sería posible cumprir co obxectivo de que a conexión sexa unha realidade en 2030, e nin sequera en 2032. A isto habería que engadir o treito entre O Porriño e a fronteira portuguesa sen avances significativos desde hai anos, ademais da necesidade de negociación entre os dous Estados para a construción e financiación da nova ponte internacional.
Alerta