O alcalde pide ao reitor da UNED máis titulacións na sede de Vigo

Compartir
Reunión plans de futuro para o centro de Vigo da UNED. Fonte: Concello

Abel Caballero mantivo este martes unha reunión co máximo responsable da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Ricardo Mairal, e coa presidenta do Consello de Estado, María Teresa Fernández de la Vega.

En Vigo, que conta coa UNED desde 2013, se imparte un curso de acceso e trece graos cun total de 1.144 matriculados.

 

 

En declaracións previas á reunión, o rexedor avanzou en rolda de prensa os seus plans de futuro para o centro de Vigo da UNED, que pasan por continuar ampliando a formación regulada que se ofrece no Mar de Vigo e sumar novos graos aos trece actuais: “Voulle propoñer ao reitor que queremos máis titulacións da UNED en Vigo”.

Abel Caballero recordou que Vigo conta cunha sede da UNED desde o ano 2013 “porque eu tomei a decisión” de iniciar os trámites para a súa implantación na cidade. Arrancou entón cun curso de acceso á Universidade para 150 alumnos e alumnas e hoxe, oito anos despois, ata o momento 1.144 estudantes formalizaron a súa matrícula nalgún dos trece graos que a Universidade imparte este curso en Vigo: Turismo, Psicoloxía, Pedagoxía, Enxeñería Informática, Enxeñería en Tecnoloxías da Información, Historia da arte, Xeografía e historia, Estudos ingleses, Educación social, Dereito, Ciencias ambientais, Ciencia política e da administración e Administración e Dirección de Empresas.

“Temos na UNED de Vigo 1.144 estudantes, o 61% son mulleres”, detallou Caballero, “e o Concello de Vigo adica 825.000 euros. A UNED de Vigo a paga integramente o Concello de Vigo, sin axudas de ninguén, e estou encantado de que haxa UNED en Vigo”.

 

Consello de Estado

Na reunión tomou parte tamén María Teresa Fernández de la Vega, vicepresidenta do Goberno de España con José Luis Rodríguez Zapatero e actual presidenta do Consello de Estado, unha “gran defensora da autonomía local”, en verbas de Caballero.

O alcalde recordou que, a instancias súas, o organismo presidido por De la Vega emitiu un informe sobre “a autonomía e independencia das Corporacións Locais”, que avalou a posición de Caballero cando “a Xunta me obrigaba a comparecer nunha comisión de investigación”, sobre o accidente que tivo lugar durante a celebración de O Marisquiño. “A Xunta, vulnerando a Constitución, fixo unha comisión de investigación sobre a xestión municipal e o Consello de Estado parouno de golpe”, asegurou.