O alcalde ratifica o respaldo municipal ao Banco de Alimentos de Vigo

Compartir

Abel Caballero recibiu este martes á nova directiva da entidade, que percibe do Concello de Vigo 83.000 euros anuais, “unha achega moi importante, pero eles fan un gran traballo: proporcionar alimentos a tantos comedores sociais que nós tamén apoiamos”. Aos comedores, o goberno de Vigo destina case 400.000 euros en total.

Os novos responsables do Banco de Alimentos visitaron este martes a Alcaldía e mantiveron unha entrevista co alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen afirmou en declaracións posteriores que os contactos entre as partes continuarán desde a próxima semana.

Segundo trasladou Caballero aos medios de comunicación, o Concello dedica 83.000 euros anuais ao Banco de Alimentos e, en total, preto de 400.000 euros aos comedores sociais da cidade, sen incluír o propio albergue municipal de Marqués de Valterra. Sal da Terra recibe 10.000 euros, o Comedor da Esperanza viu duplicada este ano a contía ata os 55.000 euros, Vida Digna percibe 45.000 euros, Afán tamén conta con 55.000 euros, a Fundación Santa Cruz ingresa 57.000 e os Misioneros do Silencio, 26.000 euros do Concello de Vigo. O alcalde puxo en valor estas transferencias “moi importantes de apoio aos comedores sociais” e afirmou que o Concello de Vigo é “practicamente o único apoio que teñen”.