28 octubre, 2021
Os representantes sindicais apostan polo proxecto municipal de crear unha estación intermodal, que conecte e coordine as liñas de tren coas de autobuses.
O sindicato presentou ao rexedor as súas propostas de mobilidade integral a partir da estación do tren de Vilagarcía, para dar servizo á cidade e aos municipios da contorna.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e os representantes do Sector Ferroviario de CCOO mantiveron un encontro no que abordaron o futuro das conexións ferroviarias de Vilagarcía e da súa área de influenza. A reunión, foi solicitada polos sindicalistas por ter Vilagarcía unha das estacións de trens máis importantes de Galicia en canto a número de usuarios e á área poboacional á que da servizo, e co obxectivo de expoñerlle ao rexedor o modelo de mobilidade integral que propón CCOO, e no que a estación Vilagarcía xoga un “papel destacado” de nodo ferroviario.
A delegación sindical encabezouna o secretario xeral de do Sector Ferroviario de CCOO en Pontevedra, Antón Conde Freire, e á reunión asistiu tamén a tenente de alcalde, Tania García.
Como xa se vén defendendo dende hai anos por parte do goberno local, Conde explicou que na estación de Vilagarcía “danse unhas circunstancias excepcionais para impulsar as conexións ferroviarias na liña Atlántica, así como para mellorar os servizos de transporte complementarios”. Os sindicalistas tamén coinciden coa proposta do executivo socialista de aproveitar a proximidade de estación de autobuses coa de ferrocarril para crear unha estación intermodal que permita o intercambio de viaxeiros dun medio de transporte a outro de xeito eficiente e eficaz para os usuarios de Vilagarcía e da súa área de influenza, así como para potenciar o turismo na zona.
O sindicato avoga por complementar e coordinar os servizos do tren co de autobuses e outros medios de transporte, de xeito que se poidan atender as necesidades da poboación da área comarcal; algo que “resulta clave para asegurar a mobilidade e o progreso da zona”.
O modelo que defende CCOO construiríase mediante un sistema de conexións xerado a través dunha rede de cercanías e complementado con servizos intermodais. Segundo explicaron, ademais de atender os servizos de proximidade, esta proposta busca asegurar a conexión e continuidade cos trens de longa e media distancia do Eixo Atlántico e a Portugal.
Neste punto, Varela Paz lembroulles as xestión realizadas ante o Ministerio para que todos os trens Alvia que utilizan o Eixo Atlántico teñan parada comercial na estación de Vilagarcía, demanda que os representantes de CCOO tamén consideran necesaria.
A reunión cos representantes do Sector Ferroviario de CCOO foi moi “interesante e frutífera” en palabras do alcalde, e ámbalas dúas partes quedaron en manter novos contactos para perfilar un plan de necesidades de transporte onde tamén se implicará a outros concellos da zona.
Alerta