11 noviembre, 2021
Alberto Varela trasladou á directiva as súas disculpas polas molestias que causa a reforma do centro ao proxecto deportivo do club de remo.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, visitou esta tarde o Centro Sociocultural de Vilaxoán, atendendo á petición da directiva do Club de Remo, coa que xa se reuniu este pasado martes. O alcalde coñeceu de primeira man o estado das obras, que abranguen tanto a modificación das instalacións deportivas do club coma as sociais e de convivencia que xestiona a asociación de veciños.
Alberto Varela anuncioulles que, tras falar coa empresa adxudicataria, ACEVI, esta comprometeuse a reanudar mañá os traballos e a intentar rematalos o máis axiña posible para así rematar cos trastornos que a obra vén causando ao proxecto deportivo do club. Neste sentido, o rexedor pediu disculpas á directiva que preside Gelo Tarrío por esas dificultades, e reiteroulle o agradecemento do concello á gran labor que vén realizando a entidade, promovendo a canteira nun deporte tan ligado á tradición mariñeira do concello e levando o nome de Vilaxoán, e polo tanto tamén de Vilagarcía de Arousa, por distintos lugares de Galicia e España.
Como se sabe, o pasado luns a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto modificado das obras, que suporá un incremento do 24% sobre o presuposto inicial, ata chegar aos 97.000 euros. A intención é que as obras conclúan incluso antes de que se cumpran os dous meses e medio de prazo que ten a construtora.
Alerta