2 diciembre, 2021
Tamén están programados talleres de “Violencia de xénero no novo contexto dixital”, que o Concello solicitou e obtivo da Secretaría Xeral da Igualdade.
Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no IES Antón Alonso Ríos desenvolveuse o programa “Así Si – Obradoiros sobre relacións afectivo-sexuais sas”; programa de sensibilización, información e difusión ofertado polo Concello de Tomiño a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil OMIX e impartido por Carmen Vilas, psicóloga e axente de igualdade do equipo de IGUALADAS Consultaría e Formación.
Esta actividade levouse a cabo con todo o alumnado de 2° ESO e 3° ESO ao longo de dúas semanas, para traballar obxectivos coma replantexar e rachar cos estereotipos e roles de xénero machistas; rexeitar a cousificación e hipersexualización dos corpos das mulleres; desmitificar crenzas erróneas sobre a sexualidade; promocionar as relacións igualitarias baseadas no bo trato e o consentimento, e concienciar sobre as prácticas sexuais de risco e as infeccións de transmisión sexual.
A acción puxo o foco na participación do propio alumnado, “partindo sempre dos seus intereses e necesidades e evitando o formato charla porque as mozas e mozos precisan que os escoiten e consultar, nun ambiente de confianza, as súas dúbidas con profesionais especializadas en temas fundamentais para a súa idade e momento de desenvolvemento”, explicou a monitora. Nas aulas traballouse cunha metodoloxía totalmente práctica baseada en xogos, dinámicas e actividades grupais para espertar o pensamento crítico e escoitar e aclarar dúbidas, inquedanzas, medos e opinións sobre os temas propostos.
Ademais do traballo nas aulas, o programa tentou involucrar á maior parte da comunidade educativa, incluíndo polo menos unha sesión coas familias do alumnado na que se traballaron os mesmos contidos.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou pola súa banda, a importancia deste tipo de colaboracións institucionais “para previr entre a adolescencia as relacións afectivo-sexuais desiguais e de risco, así como as violencias de xénero, evitando consecuencias negativas no seu desenvolvemento e, ao mesmo tempo, traballando cara unha sociedade máis igualitaria”.
OBRADOIROS CONTRA A VIOLENCIA
Por outra banda, están programados os Obradoiros VIOLENCIA DE XÉNERO NO NOVO CONTEXTO DIXITAL (que serán impartidos no IES ANTÓN ALONSO RÍOS) , que o Concello de Tomiño solicitou e obtivo da Secretaría Xeral da Igualdade no marco do convenio coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias).
PRESENTACIÓN PEÚGO
Por último, dentro da campaña contra a violencia de xénero levada a cabo polo Concello, ás familias que participan no programa Medrando en Familia, da Concellería de Benestar, recibiron a visita de Jessica Rodríguez Piñero, mestra de primaria nomeada aos premios Educa ABanca como mellor docente de España. A profesora achegouse até Tomiño para presentar en persoa o seu primeiro álbum ilustrado infantil “Peúgo, o calcetín melenudo”.
A autora foi relatando unha historia na que a través dunha personaxe como un calcetín cun furado se fala da violencia de xénero e a importancia do autoconcepto e da autoestima.
Alerta