10 enero, 2025
A Academia Galega do Audiovisual abriu hoxe o período de votacións para escoller as finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo, un dos maiores recoñecementos do sector audiovisual galego. Nesta primeira volta, as académicas e os académicos terán a oportunidade de votar entre as candidaturas inscritas, que competirán nunha gala de entrega de premios que se celebrará o 15 de marzo en Lalín.
A presente edición dos Premios Mestre Mateo marca un fito histórico ao acadar cifras récord tanto nas categorías de produción como de profesionais. Un total de 199 obras inscribíronse nas diferentes categorías, mentres que 536 profesionais se presentan nas diversas especialidades. Este aumento reflicte o crecemento do audiovisual galego e a súa consolidación a nivel internacional.
A categoría de longametraxe mantén o récord do ano pasado cunha decena de inscricións, que destacan pola súa presenza en prestixiosos festivais internacionais como o de Róterdam, Málaga, San Sebastián, Shanghái, e a Seminci, entre outros. Tamén se rexistraron récords nas categorías de programa, curta de imaxe real e curta de animación, ademais de un aumento notable nas series de televisión, que reflicten a expansión das producións na CRTVG e en plataformas de streaming como Netflix, Movistar Plus e Prime Video.
Un dato salientable desta edición é que máis da metade das obras inscritas teñen versión orixinal en galego, alcanzando un 68,6%, o que representa un aumento de tres puntos con respecto á edición anterior. Este feito amosa o crecemento da presenza do galego no audiovisual e o reforzo da súa identidade na industria.
En canto ás categorías profesionais, as 536 persoas inscritas distribúense entre 320 homes (60%) e 216 mulleres (40%). As categorías máis concorridas son montaxe, guión e interpretación masculina de reparto, con 72, 65 e 44 participantes respectivamente.
O primeiro prazo de votación estará aberto ata o 27 de xaneiro ás 12:00 horas, cando as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas. Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo para elixir ás gañadoras, que se darán a coñecer na gala de entrega de premios, que terá lugar o 15 de marzo no Lalín Arena. Sen dúbida, este evento constituirá unha das citas culturais máis importantes do ano para o audiovisual galego.
Alerta