7 noviembre, 2021
O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible cunha orzamento de máis de 60.000 euros está a piques de saír a licitación, e ten un prazo de execución de dous meses.
O departamento que dirixe Iván Puentes porá en marcha esta mesma semana os traballos de axardinamento, incluídos no plan de mellora paisaxística do espazo entre as rúas Alemaña e Bélxica.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, iniciará esta mesma semana, na zona máis próxima á rúa Alemaña, os traballos de axardinamento contemplados dentro do proxecto de mellora paisaxística, da accesibilidade e da capacidade de acollida do parque da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro. Esta intervención forma parte dun conxunto de obras de remodelación que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a executar nesta céntrica área de lecer da urbanización desde o inicio do mandato e que terán o seu colofón coa creación dunha pista polideportiva e de novos xardíns no espazo que dá cara á rúa Bélxica interior.
Unha ‘guinda’ que os veciños do barrio xa poderían comezar a desfrutar a principios de 2022, xa que, como indica Iván Puentes, “o proxecto da pista, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, se atopa no servizo de Contratación, sairá a licitación de xeito inminente e conta cun prazo de execución de dous meses desde o inicio das actuacións”. O novo equipamento multideportivo permitirá a práctica de disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán, xerando un contorno para a práctica deportiva nun contexto de comunidade semellante ao do parque infantil próximo.
Entre os obxectivos contemplados na formulación deste proxecto inclúense os de mellorar o valor paisaxístico do espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería; xerar un espazo de socialización comunitaria e de encontro co desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas; optimizar a comunicación co contorno e a accesibilidade dos camiños de acceso, e incrementar a capacidade de acollida e confort do espazo coa construción de zonas de estancia e lecer cunha axeitada dotación de mobiliario e iluminación. Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o paso do tempo deixou a súa pegada negativa nun parque que se atopa na columna vertebral de Monte Porreiro e que é o espazo público de referencia para a realización de actividades e festas comunitarias, cunha degradación considerable da superficie tapizante de céspede nas áreas máis transitadas do mesmo, así como en boa parte do mobiliario, bancos, papeleiras e fontes de auga”.
“Asemade,explica Fernández, existe no parque unha necesidade palpable de novas zonas de xogo e deportivas delimitadas que permitan unha mellor convivencia da práctica deportiva informal, co tránsito peonil nas beirarrúas que o rodean e coas restantes actividades que se poden desenvolver. Con tal motivo, proxéctase unha pista multideporte de fútbol e baloncesto con peche perimetral, pensada para xogos de pelota en xeral e formada por unha combinación de dúas porterías e dúas canastras, esquinas cadradas, entradas polos dous laterais, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura, estruturas cubertas de capa anti graffiti e pezas metálicas galvanizadas en quente con recubrimento en po, tornillería de aceiro e ancoraxes metálicos”.
Alerta