O Belén artesanal de Valga xuntou 4.660 euros para os afectados polo volcán

Compartir
Tómbola. Fonte: Concello

A tómbola solidaria continuará o domingo 19 co obxectivo de chegar aos 6.000 euros.

O nacemento pode visitarse de xeito gratuíto de luns a sábado pola tarde e os domingos tamén pola mañá.

 

O Belén Artesanal en Movemento deixa atrás a pandemia e despois dun Nadal, o pasado, no que as restricións limitaron en gran medida as visitas, volve a rexistrar cifras similares ás anteriores á crise sanitaria. Na primeira semana de apertura, dende a inauguración do pasado día 5, máis de 8.000 persoas pasaron polo nacemento de Campaña.

Xa na propia xornada inaugural se puido percibir a expectación por ver o Belén. “Foi unha das inauguracións con máis xente dende hai bastantes anos”, confirma a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, que engade que, ata o de agora, o día de maior afluencia foi o 6 de decembro, en plena ponte da Constitución, cando se superaron as 2.000 visitas. “Tamén o outro festivo, o mércores, recibimos a moita xente” e onte domingo “houbo cola toda a tarde” e rondáronse de novo as 2.000 persoas de procedencias moi diversas: Tui, O Carballiño, Vilanova… entre outras zonas de Galicia e de España. “Volvemos aos tempos de antes”, ratifica a presidenta.

 

Tómbola. Fonte: Concello

 

Outro dos síntomas de que a normalidade regresa, pouco a pouco, ao Belén son as excursións que se recibiron durante toda a semana. “Viñeron catro autobuses de distintos lugares de Asturias e tamén tivemos grupos de Ponferrada, León”, Vigo ou Salceda de Caselas. Para a vindeira semana comezarán, ademais, as visitas de centros educativos e doutros colectivos. Residencias de maiores de Santiago e Vilagarcía e o colexio de Meaño achegaranse ao nacemento entre o martes e o xoves.

O horario de visitas do Belén é de luns a venres de 17:30 a 20:30, os sábados de 17:00 a 20:30 e os domingos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Os grupos organizados poden concertar cita fóra deste horario chamando ao teléfono 630 95 25 15. A entrada é gratuíta.

 

 

Recadación de fondos para La Palma

As persoas que onte se achegaron ata Campaña tiveron como aliciente a tómbola solidaria que a asociación Amigos do Belén celebrou para recadar fondos para os afectados polo volcán de La Palma. O colectivo xuntou máis de 200 agasallos que foron doados por veciños, casas comerciais e colectivos tanto de Valga como doutras vilas da contorna.

A estes regalos puideron optar os asistentes á tómbola, mercando boletos a tres euros cada un. A maioría deles repartíronse onte, pero aínda sobraron preto de 60, polo que a tómbola retomarase o domingo 19 a partir das 16:00 horas nos exteriores do Belén, cando se porán á venda novos boletos. “O obxectivo é chegar aos 6.000 euros recadados”, indica Mari Carmen Castiñeiras.

Se algunha persoa ou colectivo quere contribuír doando máis agasallos aínda está a tempo de levalos ao local do Belén.